A Bolsa De Traballo de Carballo imparte oito cursos de cinco especialidades diferentes
A Bolsa de Traballo - BDT - do concello de Carballo acaba de poñer en marcha os cursos de prevención de riscos laborais nos que participarán un total de 200 persoas desempregadas entre este mes e o próximo. Os alumnos do curso de nivel básico de PRL na construción, que comezou onte e rematará o día 31, recibiron onte a visita do alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, que os animoua aproveitar a formación para intentar mellorar a súa empregabilidade. Nese sentido, o alcalde reiterou o compromiso do goberno municipal coa organización de accións formativas vinculadas coas necesidades reais do mercado laboral, como é o caso da prevención de riscos laborais.
Ademais do curso básico de PRL na construción, con 50 alumnos divididos en dúas quendas, a Bolsa de Traballo ofrece formación específica de electricidade, aparatos elevadores, albanelería e encofrados. En total impartiranse oito cursos de cinco especialidades diferentes.
Evencio Ferrero tamén aproveitou a visita ao Fórum Carballo para desexar moita sorte ás 50 persoas usuarias da BDT que están a formarse nas competencias clave para acceder ao certificado de profesionalidade de nivel 2. As probas de avaliación, que convoca a dirección xeral de Orientación e Promoción Laboral, celebraranse mañá en Silleda.