Fusión de parroquias

Os Consellos parroquiais de Rebordelos e Noicela uniranse

Pouco se lembra xa aquela proposta de fusión de concellos que sacou a Xunta en 2011-2012, e que apenas incidiu na unión dun par de concellos de Galicia. Poucos imaxinan a día de hoxe un novo “Ceebión” ou “Muxiariñas”.

Tampouco teremos unha nova “Reborcela”, que sairía da fusión das parroquias carballesas de Rebordelos e Noicela. Pero os membros de ambos consellos parroquiais (eses interesantísimos estes sociais que permiten ter reunións periódicas da veciñanza co grupo de goberno) están convencido da necesidade de fusionarse.

A pasada semana ambos consellos puxeron en marcha o proceso para fusionarse A medida foi proposta pola veciñanza (son os propios veciños os que o deciden) en vista de que moitas das cuestións que afectan ás dúas parroquias son comúns. “Por proximidade, compartir igrexa e cemiterio parroquiais, pistas, problemas, necesidades, etc”.

Propostas

En canto ás propostas concretas, en Rebordelos continúan preocupados pola confusión cos códigos postais. O alcalde explicou que xa se reuniu ao respecto co director da oficina de Correos, que asegurou que estaba solucionado o problema, pero como polo visto non o está, volverá a reunirse. Evencio Ferrero quedou comprometido tamén para comprobar a titularidade do camiño que vai do cruceiro á ría para ver a posibilidade de arranxalo como paseo peonil de zahorra; a xestionar con Gestagua, empresa concesionaria do ciclo integral da auga, unha serie de melloras, ou a reparar un treito dunha pista moi usada para camiñar.

Por outra banda, a veciñanza expresou a súa queixa pola supresión de varios servizos de transporte público. E ademais abordáronse varias cuestións que se repetiron onte en Noicela, como a mellora da visibilidade no cruce da estrada que vai á Laracha, a mellora da estrada da praia ou a da vía municipal que atravesa as parroquias de Lema, Noicela e Rebordelos. As tres están en vías de solución pero en distintas fases. En canto á primeira, un dos veciños quedou comprometido a falar coa propiedade para proceder á talar das árbores que, sobre todo no verán, impiden ver; sobre a segunda existe o compromiso da Deputación de ampliala e mellorala se se conseguen os pasos. A día de hoxe, das 256 parcelas, hai autorización para ocupar unhas 110, e desde o Concello intentarase que o organismo provincial acometa polo menos os tramos máis longos nos que se dispoña do terreo. En canto á última, o alcalde informou de que a obra só está pendente de contratación. Á licitación presentáronse 9 empresas e agárdase que estea lista antes de que remate o verán.

Outro tema común é o abastecemento de auga. O alcalde informou da recente reunión que mantivo co presidente da Xunta, na que, entre outras, reiteroulle a petición da traída ás parroquias de Lema, Rebordelos, Noicela e Vilela, que suporá un investimento de 1 millón de euros. Evencio Ferrero expresou o seu desexo de contar coa colaboración da Xunta, pero engadiu que, no caso contrario, o Concello de Carballo intentará financialo con fondos propios con cargo aos orzamentos do 2019.

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).