Na última visita da unidade móbil a Carballo doaron sangue 148 persoas
Un total de 4.620 veciños e veciñas de Carballo son doantes de sangue, o que supón un 15% da poboación. Así, a axencia galega de Sangue, Órganos e Tecidos vén de remitir unha carta ao concello polos “excelentes resultados” da campaña de doazón de sangue que se levou a cabo do 4 ao 6 deste mes. Das 177 persoas que se achegaron ata a unidade móbil puideron doar 148, nove delas por primeira vez.
Dende a primeira visita dunha unidade móbil, no ano 1994, ata este mes rexistráronse 27.409 doazóns, coas que poderían levarse a cabo “máis de 13.500 intervencións cirúrxicas ou transfundir plaquetas a máis de 4.500 enfermos de cancro ou leucemia”, sinalan a modo de exemplo dende a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos.
Ao mesmo tempo, destacan a alta participación da poboación carballesa nas visitas mensuais que realiza a unidade móbil ao noso concello. No ano 2015 acadáronse 1.434 doazóns de sangue, o que supón 46 por cada 1.000 habitantes, “unha taxa de doazón dentro do que recomenda a Organización Mundial da Saúde para cubrir as necesidades de compoñentes sanguíneos que precisan os hospitais”.