O concello de Carballo asina distintos contratos por un valor superior a 460.000 euros

Os contratos asinaronse con empresas de control de pragas, xestión do horto infantil e pintura viaria O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, asinou na onte catro contratos con outras tantas empresas por un total de 461.723,54 euros. O de maior importe corresponde á obra de reurbanización da contorna do CEIP Xesús San Luís Romero, que foi adxudicada a construcciones López Cao por 182.975,54 euros. A empresa dispón dun prazo de 4 meses para executar o proxecto, que afecta ás rúas Saturnino Cuíñas, Xesús San Luís Romero e Fotógrafo Xosé Vidal. As dúas últimas serán de plataforma única, xa que o obxectivo da actuación, que inclúe tamén a instalación e/ou renovación dos servizos, e mellorar a mobilidade nun ámbito frecuentado maioritariamente por nenos e nenas. Os outros tres contratos asinados correspóndense con distintos servizos, entre eles o de xestión do horto ecolóxico infantil, tamén relacionado coa poboación escolar. A empresa Atlantic Ponte 2000 encargarase do horto por un período de tres anos e por un prezo total de 100.188 euros (33.396 ao ano). Tamén é inminente o inicio dos traballos de sinalización viaria, obxecto doutro dos contratos asinados. Neste caso a empresa adxudicataria é Serovial, que tamén se encargará durante os próximos tres anos, cun orzamento total de 135.000 euros, de manter en perfectas condicións a pintura das vías e espazos públicos. Os operarios empezarán a traballar pola zona costeira de cara á temporada de verán. Finalmente, Evencio Ferrero asinou co representante da empresa Plaguiber o contrato para o servizo de control de pragas urbanas - inclúe desratización, desinfección e desinsectación - por un período de catro anos e un prezo global de 43.560 euros. A maiores, a empresa encargarase tamén da instalación de trampas e da retirada e control de niños de vespa velutina, neste caso cun custe unitario de 55,66 euros por niño retirado e de 7,26 euros por trampa. Centro social de Ardaña
O concelleiro de Cultura e Deporte, Marcos Trigo, supervisou onte as obras do centro social de Ardaña Por outra parte, xa case está lista a estructura do centro social de Ardaña o que indica que o edificio estará rematado antes de finais de ano. Así o comprobou onte o concelleiro de Cultura e Deporte, Marcos Trigo, que visitou a obra acompañado polo director e autor do proxecto, Fernando Añón. A empresa adxudicataria, construcciones López Cao, ten o compromiso de rematar o edificio antes de que remate o ano, pero se os traballos continúan ao mesmo ritmo é probable que o prazo se recorte. O centro social de Ardaña, que se sumará á rede municipal de centros sociais nas parroquias, ten 417,09 metros cadrados (368,31 útiles) distribuídos entre o soto (destinado a almacén e instalacións) e a planta baixa. Atendendo ás necesidades do movemento asociativo, o andar principal disporá dunha sala multiusos de 116,12 metros cadrados, un salón social, un aula, vestíbulo, 4 aseos, almacén e un soportal de 68,21 metros cadrados. A construción do edificio é financiada integramente polo Concello de Carballo cun investimento de 311.333 euros. A maiores, a empresa adxudicataria asumirá sen custe adicional para as arcas municipais o mobiliario e o equipamento do edificio, a instalación dunha tarima de escenario no salón de actos e dun tabique móbil que permitirá flexibilizar o uso do salón principal, e a urbanización dunha superficie duns 900 metros cadrados. Todas estas melloras están valoradas en 90.000 euros. Novas relacionadas Fonte
  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
  • Concello de Carballo