Primavera enDanza mantense como o ciclo máis lonxevo de Galicia

O alcalde Evencio Ferrero, a artista Paula Quintas e a Concelleira de Cultura, Maruxa Suárez Cotelo, durante a presentación

Primavera enDanza volve entre o 28 de marzo e o 11 de abril con 5 espectáculos de artistas consolidados ou emerxentes, de dentro ou de fóra de Galicia, con estreas absolutas e variedade de espectáculos para atopar as últimas propostas das artes escénicas. Nesta XXIII edición farán unha ollada, maioritariamente feminina, sobre a danza, reincidindo na proposta didáctica de permitir un encontro entre aristas e público ao remate de cada peza.

A Concelleira de Cultura, Maruxa Suárez Cotelo, quixo subliñar durante a presentación do programa que Primavera enDanza “é o festival máis lonxevo de Galicia”, destacando non só pola súa “estabilidade”, senón tamén “porque ofrece unha ampla perspectiva da danza contemporánea tanto de dentro coma de fóra de Galicia” e sempre tendo en conta “a presenza doutras disciplinas, como a acrobacia, o circo ou o canto”.

A rolda de prensa contou tamén coa presenza de Paula Quintas, cuxa compañía inaugura Primavera enDanza coa estrea absoluta de Aurora Boreal. A coreógrafa e intérprete describiu a peza como “unha proposta inmersiva” que se traballou con todo o equipo cunha perpectiva en “360 graos, para xerar unha estétita total”.
Quintas quixo agradecer a oportunidade brindada polo Concello de Carballo “porque este programa é moi importante para Galicia no que respecta ás artes do movemento”.

Así, para preparar a peza, a compañía de Paula Quintas realizará unha residencia no Pazo da Cultura a partir do luns 24 de marzo e ata o mesmo venres da estrea, coas instalacións do auditorio á súa disposición. A Concellaría de Cultura quere apoiar así a creación artística e as artes escénicas favorecendo a produción de Aurora Boreal. Ademais, un día antes da representación, o xoves 27 de Marzo ás 20.00 horas, a propia Quintás protagonizará no Pazo da Cultura o faladoiro XÉNEROS EN DANZA. un percorrido histórico dende o corset as novas linguaxes. A entrada é libre.

 

O programa continuará o sábado 29 de marzo, con outra proposta galega, da man de Marta Alonso e Sofá
Marta Alonso Cía é unha compañía de danza galega dirixida por Marta Alonso Tejada.  Constitúese de forma independente no ano 2018. A danza, o humor, a mistura de linguaxes escénicas que se achegan ao teatro e ao circo, a interacción co público e a proximidade, xeran nas súas creacións unha atmosfera particular do cotiá, do natural e do común que se comparte na escena.

 

A semana seguinte, o sábado 5 de abril, chega dende Cataluña Together to get there, de Lali Ayguadé.
Akira é un bailarín que comezou co breaking e co paso do tempo abriu as súas portas á danza contemporánea e ás artes escénicas. Actualmente combina xiras de traballo propio con xiras con outras compañías e obradoiros por todo o mundo en festivais como DeltebreDansa, B12, Kalamata International Dance Festival, Flip Helsinki, Portugal Summer Intensive, etc. Lali Ayguadé formouse no Institut del Teatre de Barcelona e P.A.R.T.S.

 

O domingo 6 de abril é a quenda para o público familiar en Primavera enDanza dende Cataluña con Cometa, de Lowland Performing Arts. Unha cosmonauta, cun casco na man, sobre un transbordador espacial. Así é Cometa, unha viaxeira inesperada que nos invita a mirar o noso entorno con ollos novos. Os máis cativos e cativas, desde dentro do escenario, gozarán dunha aventura galáctica que nos redescubrirá a gravidade e o poder da empatía, grazas á xeometría e a velocidade da luz. A bailarina e creadora Roser López Espinosa combina con mestría o xogo físico, os elementos acrobáticos e o amor polo detalle, creando un imaxinario cheo de xogo cun toque de humor.

Primavera enDanza remata o venres 11 de abril con Daniel Rodríguez e a súa proposta Transeúnte. A partir de catro bailaríns e dous músicos iníciase un diálogo entre a música, o canto e a danza tradicional coa danza contemporánea, no que se reflexiona sobre a relación das novas xeracións co folclore. Con esta peza o Concello de Carballo continúa coa súa particular homenaxe ás cantareiras, que protagonizan este 2025 o Día das Letras Galegas. Esta coreografía é unha viaxe que honra o pasado, vive o presente e busca e abraza o futuro, unha dualidade entre o permanente e o transitorio. O bailarín e coreógrafo Daniel Rodríguez aposta por unha creación multisensorial na que corpo, música e tecnoloxía se entrelazan para construír un contexto único.
Traseúnte conta coa voz e música de Aida Tarrío (Tanxugueiras) xunto con Artur Puga e está interpretada por Javier de la Asunción, Andrea Pérez, Laura García e o mesmo Daniel Rodríguez. 

 

PRIMAVERA ENDANZA

  • Venres 28 marzo – 21.00 horas. Paula Quintas (Galicia). Aurora Boreal. ESTREA ABSOLUTA
  • Sábado 29 marzo – 20.30 horas. Marta Alonso (Galicia). Sofá
  • Sábado 5 abril – 20.30 horas. Lali Ayguadé (Cataluña). Together to get there
  • Domingo 6 abril - 18.00 horas. En Familia. Lowland Performing Arts (Cataluña). Cometa
  • Venres 11 abril – 21.00 horas. Daniel Rodríguez (Galicia). Transeúnte

 

As entradas para todos os espectáculos estarán á venda en <billeteira.carballo.gal> a partir do martes 11 de marzo. Tamén será posible a venda directa o mesmo día do espectáculo na billeteira do Pazo da Cultura dende 90 minutos antes da actuación.