As bondades do Parque Natural Monte Pindo serán analizadas no novo Simposium
Sempre é positivo reflexionar sobre os nosos tesouros. E un, sen dúbida, é o Monte Pindo. Por cuarto ano, a Asociación Monte Pindo Parque Natural, en colaboración co Concello de Carnota e a Confraría de Pescadores do Pindo, organiza o “IV Simposium Monte Pindo: o Olimpo Celta a debate”. Un foro que terá lugar o vindeiro sábado 12 de decembro, a partir das 11h. no Pósito dos Pescadores do Pindo.
As novas oportunidades económicas e de emprego que o Monte Pindo e o futuro primeiro Parque Natural da Costa da Morte xerarán no seu entorno centrarán o debate. Especialistas da zona daran unha visión concreta sobre as oportunidades un Olimpo Celta protexido e desenvolvido permitirá para o aproveitamento substentabel agrogandeiro, forestal e madeireiro, turístico, histórico e xeolóxico... Os sempre devantidos “postos de traballo” tamén estarán presentes no debate.
Ademais das charlas e do debate, haberá proxeccións, sempre aberto á toda a veciñanza.
Falarán xentes como Jorge Pérez González (Ézaro), Enxeñeiro de Montes, máster de Medio Ambiente e Recursos Naturais, ex-xefe de Brigada Forestal e directivo da Asociación Monte Pindo Parque Natural, que analizará o estado forestal do Monte costeiro. Luís Costa Perez, Doutor en Ciencias Biolóxicas. Funcionario da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio (Xunta de Galicia) e Director-Conservador no Parque Natural das Fragas do Eume (2006-2012), falará de como se xestiona e que implica ser Parque Natural.
Pola tarde falará Manuela Costa Casais (O Pindo), Profesora no Departamento de Xeografía, na área de Xeografía Física. Facultade de Xeografía e Historia. Universidade de Santiago de Compostela; e tamén Belén Pérez Martínez (Cee), Enxeñeira técnica agrícola pola USC e César Pérez Martínez (Cee), Veterinario pola USC, traballa en proxectos de gandeirías en extensivo galegas, sobre o silvopastoreo.
O debate será moderado polo Secretario da Asociación, Mario Maceiras.
Novas relacionadas
- A Universidade da Coruña apoia o Parque Natural no Monte Pindo.
- Con Pepe do Fieiro redescubrindo os tesouros do Monte Pindo.
- Galicia vístese de verde polo Monte Pindo.
Fonte
- Asociación Monte Pindo Parque Natural.