Costas reordea os accesos peonís en Caldebarcos, Boca do Río, Carnota e Mallou
- O Concello de Carnota recibe a cesión do edificio Casa de Mar de Lira
A subdelegada do Goberno en Galicia Maria Rivas visitaba onte Carnota. Unha das paradas foi para supervisar, acompañada do alcalde Juan Manuel Saborido "Moma", os traballos que se executa o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico na praia de Carnota, na zona de Caldebarcos. “Estas obras forman parte dunha actuación do ministerio para loitar contra a erosión na costa, e ao mesmo tempo aumentar a súa resiliencia aos efectos do cambio climático, apuntou a subdelegada, que incidiu na importancia de
conservar os ecosistemas.
As obras que executa Costas consisten na ordenación dos accesos peonís en Caldebarcos, Boca do Río, Carnota e Mallou.
Concretamente en Caldebarcos o Ministerio está a retirar os materiais empregados para a explanación do campo de fútbol que se empregaba como aparcamento e impedir o acceso de vehículos mediante a colocación de cerramento disuasorio para conseguir a rexeneración deste espazo. Do mesmo xeito, habilitará un único itinerario para o tránsito peonil, en lugar dos dous existentes sobre a duna, a través dunha pasarela de madeira delimitada por pilotes con corda.
Ademais de no de Carnota, o plan contempla actuacións nos ecosistemas dunares de Morouzos (Ortigueira), Vilarrube (Valdoviño), San Xurxo (Ferrol), Baldaio (Carballo), Soesto e Traba (Laxe), Nemiña (Muxía) e Xuño (Porto do Son).
Cesión da Casa do Mar de Lira
Así lle entregaba as chaves a subdelegada do goberno en Galicia, María Rivas, ao alcalde de Carnota, Juan Manuel Saborido, da Casa do Mar de Lira. O Goberno fai entrega deste inmoble, que a Xunta devolveu á Tesourería da Seguridade Social hai agora un ano, para que o Concello o poida destinar a actividades sociais, culturais e de formación.
No caso da Casa do Mar de Lira, o edificio seguirá albergando o Centro de Saúde na súa planta baixa, mentres que os 562 metros cadrados restantes, que foran transferidos no seu día á Xunta para asistencia e servicios sociais vencellados ao Instituto Social da Mariña e que levaban sen uso varios anos, pasa a ser de titularidade municipal polos vindeiros 20 anos. Un proceso semellante ao da Casa do Mar de Camelle que permite darlle uso a espazos esquecidos pola administración central.