Destacan as axudas que axudaron a abrir uns apartamentos en Quilmas e un restaurante no Ézaro
Visita institucional este luns á Carnota e Dumbría, para poñer en valor as axudas do GALP Costa Sostible, da convocatoria do ano 2023. Concretamente no concello de Carnota, os novos apartamentos en Porto de Quilmas, que contou cunha axuda de 200.000 euros, e en Dumbría o novo restaurante O Salgadoiro que contou cunha achega do Goberno autonómico de case 174.000 euros.
A comitiva visitou o novo establecemento hoteleiro de sete apartamentos ecolóxicos Refuxos de Porto Quilmas, a modo de cabanas de pescadores, ademais, construíse un almacén e unha piscina. Trátase dunha intervención novidosa tanto polos materiais empregados (panel contralaminado CLT, madeiras naturais e cortiza) como pola forma de adaptarse a unha parcela en pendente, na que se encontra coas tradicionais casetas de pescadores.
O investimento total foi de máis de 568.000 euros a e axuda recibida do Galp de 200.000 euros respondendo ás finalidades de favorecer a loita contra o cambio climático a través do emprego de materiais sostibles como a madeira, de levar a cabo unha intervención respectuosa coa paisaxe, da posta en valor da actividade pesqueira e da creación de postos de traballo da dinamización da zona costeira, fomentando un turismo responsable e respectuoso co medio ambiente. O obxectivo estratéxico no que se encadra esta actuación foi o fomento da economía azul nas zonas pesqueiras e acuícolas mediante o apoio á diversificación dentro e fora do sector de pesca comercial, a aprendizaxe permanente e a creación de emprego nas zonas pesqueiras e acuícolas.
No concello de Dumbría visitou o restaurante o Salgadoiro que transformou un antigo salgadoiro na praia do Ézaro nun local de restauración que se integra no selo quilómetro cero de Margalaica.
O investimento total foi de máis de 482.000 euros e recibiron unha axuda de case 174.000 euros, respondendo á finalidade de contribuír á dinamización da zona a través da creación de emprego, á fixación de poboación no rural e a incrementar a oferta gastronómica de calidade. O obxectivo estratéxico no que se encadra esta actuación é a economía azul e a diversificación, a través da posta en marcha dun local de restauración baseado nos recursos pesqueiros, acompañado da posta en valor do patrimonio marítimo xa que supón a rehabilitación dun salgadoiro.