O alcalde de Carnota defende ós veciños e di que o PP foi o primeiro en pedir a declaración do Parque Natural do Monte Pindo
08 de xaneiro de 2015 (21:19 h.)
O alcalde de Carnota, o nacionalista Ramón Noceda, sae ao paso das declaracións da deputada do PP Marisol Piñeiro, que acusou ao movemento veciñal carnotán de "estar politizado", e asegurou que son os do PP os únicos quen están facendo un uso partidario da cuestión do Monte Pindo, pois antepoñen os intereses políticos e personais do seu aspirante local José Oreiro aos do medio ambiente, dos veciños e do propio municipio. Noceda lembra que cando menos desde o 2003 ata o 2011, ata perderen o goberno local, era o PP os que "tiveron a idea" de declarar o Monte Pindo Parque Natural, como da fe a hemeroteca. Por iso ironizou con que pasarán á historia por ser a primeira organización en pedilo, e a última en admitilo.
Na opinión do rexedor carnotán, o Parque Natural é unha boa iniciativa pois "suporá postos de traballo, investimentos, promoción turística de calidade e, en definitiva, a mellora xeneralizada e innegable de todo o contorno e da calidade de vida da veciñanza". Noceda di que "calquera administración debería celebrar que a súa sociedade acade tal grao de madurez que non sexa freo, senón motor de iniciativas tan valentes como esta".Ademais asegurou que é a primeira vez en Galicia e probablemente en España que"un parque natural nacerá con boa parte do traballo feito: unha sociedade sensibilizada, varias liñas de investigación abertas, e centos de colectivos de todo tipo implicados".
Noceda ofreceu aos populares recuperar a batuta da iniciativa e sentenciou con que o seu goberno apoiará "todo o que sirva para recuperar e protexer o Monte Pindo de xeito que repercuta na mellora do benestar da súa veciñanza, veña de quen veña".