"Antiguedades de Galicia". Dolmen do Monte Pindo. Barros Silvelo
A asociación Monte Pindo Parque Natural vén de publicar a través da súa páxina web a existencia de documentos que avalan a presenza dun dolmen no Monte Pindo en épocas pasadas.
Baseanse na obra "Antigüedades de Galicia" publicada en 1875 por Ramón Barros Silvelo na que fixo un estudo sobre as incipientes - e precarias - investigacións arqueolóxica na comunidade. Xa neste libro se reflicte a primeira cita histórica do famoso Medallón das Sete Pitas aparecido nunha excavación no Monte Pindo e unha descrición da Torre Fiel (Castelo de Penafiel). Ademais, neste libro aparece un dolmen debuxado con todo luxo de detalles. O pe da ilustración, presentada xunto con outros megalitos salientábeis da xeografía galega que si chegaron aos nosos días, non deixa lugar a dúbidas: «Dolmen de la vertiente oriental del monte Pindo». Porén no texto que acompaña a ilustración sitúa este elemento nun punto bastante distante do Olimpo Celta mesmo para os nosos días, nada máis e nada menos que en Colúns, a unhas dúas horas e media a pe por vías modernas. O autor, facendo referencia á hipótese de que os dolmens en realidade puidesen servir a función de aras sacrificiais, describe o megalito deste xeito: "Más propio para el uso de los sacrificios, es el [dolmen] de las inmediaciones del antiguo Claudionerium -Coluns,- en las avenidas del monte Pindo, por mas que en el completo trastorno que alguna catástrofe parcial produjo en aquella peñascosa ladera, sea dificil aseverar, si se debe á la ciega casualidad, ó á la creencia religiosa del druida. La estension de la plancha derecha superpuesta, mide un metro siete decímetros; la jamba derecha seis decímetros y cinco escasos la opuesta".
Colúns é unha localidade do concello de Mazaricos á cal certos historiadores quixeron dar certa relevancia na nosa cronoloxía, habendo quen incluso se atreveu a situar nel o Claudionerium romano que outras voces situaron en Brandomil, tamén identificada á veces coa mansio Grandimirum da via XX do Itinerario de Antonino. "Descoñecemos se existe outra memoria ou referencia da existencia dun dolmen neste lugar ou o seu destino, e nese caso agradecemos calquera información que nos axude a seguir aclarando a historia deste megalito", din dende a asociación Monte Pindo Parque Natural.
Xunto a esta cita aparece a típica lenda do terríbel terremoto que azoutou o Monte Pindo no ano 1217 ou 1272 (segundo a fonte) e que a dita catástrofe natural causou as formas graníticas do espazo e desviou o río Xallas, que pasou de verter na praia de Carnota a facelo na súa espectacular desembocadura actual no Coaduiro. Esta lendaria catástrofe, inverosímil desde o punto de vista xeolóxico segundo os expertos, acadou tanta forza que La Voz de Galicia relatouna en 1885 coma un feito verídico, Manuel Murguía referiuna na súa Historia de Galicia, ao igual que Camilo José Cela na obra Madera de Boj.