O concello de Carnota vén de dar a coñecer as actividades que ten programadas para este Nadal nas que se inclúe unha variada oferta para todos os públicos. A programación arranca este xoves, día 15, coa entrega de premios do X concurso de postais de Nadal que terá lugar ás 11 horas no salón de actos do concello. Ao día seguinte e como todos os venres, terá lugar unha nova sesión dos Venres Lúdicos na biblioteca municipal que será entre as 16:30 e as 18:30 horas para todos os nenos e nenas xa inscritos previamente.
A asociación do Gremio da Música de Carnota organiza para o sábado 17 de decembro "Lume en Carnota"; unhas xornadas con actividades culturais para todos os públicos. Así dende as 16 horas haberá contacontos, un recital de poesía e sesión de karaoke. E xa a partir das 19:30 horas haberá churrascada e concertos. Todos os actos serán en Lamas de Castelo.
O 21 de decembro terá lugar no local de Pedramar, no porto do Pindo, un concerto da escola municipal de Música que será ás 19 horas. Os días 22 e 23 de decembro desenvolverase un obradoiro de cerámica castrexa destinado ao alumnado de primaria.
O público familiar cos nenos e nenas de 2 a 10 anos terán unha cita o día 26, cun obradoiro de xogos e xoguetes en galego. Terá lugar entre as 17:30 e as 19:30 horas no concello. A compañía a Tropa de Trapo traerá a súa obra de teatro "Zona en obras" ao salón de actos do concello do día 27 ás 11:30 horas.
Excursión
Dentro das actividades para este Nadal organizadas polo concello de Carnota, tamén se inclúe unha excursión á Coruña para patinar sobre xeo e visitar a Casa das Ciencias e o Planetario que se realizará o día 28 de decembro. A saída en bus está prevista para as 10 horas e o regreso será sobre as 19:30 horas. Os interesados en asistir, deberán anotarse previamente.
As actividades continúan o día 29, con lendas, contos e parrafeos da man de César Cambeiro que serán no salón de actos do concello ás 20 horas. Ese mesmo día, inaugurase a exposición fotográfica Luis Kasado que se poderá ver ata o 15 de xaneiro no salón de actos do concello.
O día 30 de dembro, a compañía de teatro Urdime trae o seu espectáculo musical "O Quebranoces" ao salón de actos do concello ás 11:30 horas.
As actividades regresan o día 3 de xaneiro con teatro de monicreques e animación de nadal da man de Fantasía Animación que serán ás 11:30 horas no salón de actos.
A programación do Nadal remata o 5 de xaneiro cunha gran festa con animación e discoteca móbil que terá lugar a partir das cinco da tarde no pavillón da vila. Ás 19 horas chegarán os Reis Magos de Oriente para atender as peticións de todos os nenos e nenas de Carnota. As súas maxestades tamén visitarán O Pindo ás 19:30 horas nun evento organizado pola asociación Pedramar.
Fonte