A vangarda tecnolóxica galega fará da Costa da Morte o seu resort
Hai visitas singulares que cómpre ter en conta. Esta fin de semana andará pola Costa unha das empresas máis importantes de Galicia, e dende logo, do sector tecnolóxico (a ver se se nos pega algo…). E non falamos de calquera cousa, xa que Igalia é unha das empresas de software libre máis importantes do mundo, que traballa para grandes multinacionais do sector do móbil ou a electrónica de consumo, moi presentes en cada casa. Un exemplo, a televisión financieira Bloomberg, unha das máis importantes do mundo no sector económico.
Falamos dunha empresa que factura máis de 2,5 millóns de euros, cun 90% de clientes internacionais e só unha multinacional galega en carteira, que xa se está metendo tamén no sector da automoción. Falamos dunha empresa que funciona como cooperativa, no sentido de que todos os seus traballadores poden acabar sendo socios, e o nivel de especialización obrígaos a ter traballadores de todo o mundo. Estadounidenses, coreamos, eslovenos, finlandeses, chilenos, mexicanos, cubanos… están en continuo contacto coa sede coruñesa.
E precisamente porque teñen un plantel tremendamente internacional, un par de veces ao ano arman unha xuntanza interna para confraternizar, para coñecerse e para mellorar. Desta volta, toca na Costa da Morte, e onde mellor que no Hotel Insua.
Dende o venres 30 e ata o domingo, se vedes un internacional grupo de 40 persoas (con probable pinta hipster) paseando por Cee, botando unha pachanga nalgunha pista, tomando un chiquito nalgún bar da volta, ou montados no Cruceros Fisterra ao solpor, e tendes algunha dúbida sobre novas tecnoloxías, non dubidedes en achegarvos.
Que trae a unha empresa tan enorme a un sitio como a Costa da Morte?
Falamos con Xavier Castaño, un dos responsables da empresa, para coñecer os motivos que traen a esta entidade á Costa da Morte. E “todo nace da casualidade, ou non tanto”, comenta. “Aló polo 2003, só con 2 anos de idade, presentamos o proxecto que nos permitiu dar o salto internacional. Un proxecto que se chamou “Fisterra”, deixando o nome do Finisterrae costeiro por sempre inserido no mundo das novas tecnoloxías. “Fan agora 11 anos, e dixen eu, nunca fomos a esta zona, e agora nos apetecía facer esa visita”, apunta Xavier.
Dende aquela, sempre quixeron achegarse á zona, pero ata esta fin de semana nunca deron armado unha visita. E debido a que, malia que a metade dos traballadores son galegos, a outra metade son xentes de todas aprtes do mundo, faise necesario organizar actividades atractivas para que os traballadores de todo o mundo se acheguen ás xuntanzas anuais.
Así, pola mañá estarán realizando xuntanzas, debates, traballo en equipo, melloras, presentacións… nas instalacións do Insua, e pola tarde, a disfrutar da zona.
Disfrutarán de seguro!!
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).