Denuncian de novo o desmantelamento paulatino de servizos do HVdX

Imaxe dunha concentracion no HVDX de Cee pola OPE do pasado 2016

Despois de conseguir a ampliación o servizo de diálese a base de protestas públicas, a Comisión de Centro do Hopistal de Cee quere volver denunciar “a situación de abandono na que se atopa o Hospital Virxe da Xunqueira e amosar a nosa preocupación polo desmantelamento paulatino de servizos neste hospital por parte da Xerencia de Xestión Integrada (EOXI) da Coruña”.

Os sindicatos CCOO, CIG Saúde, CSIF, UGT, SAE, CESM e O’MEGA, entenden que “a merma da poboación é a excusa que sempre utilizan para diminuír a carteira de servizos que presta o hospital a toda a comarca. Que pasa, que os/as que quedamos e envellecemos non temos dereito á saúde?”, pregúntanse indignados.

Neste caso, segundo sinalan, a intención de desmantelar o hospital por parte da Xerencia fíxose patente este mes de xullo co “servizo de Preventiva, que dá cobertura á vacinación internacional e á consulta e seguemento de casos de tuberculose e meninxite, entre outras moitas funcións. A médica preventivista fará o seu traballo dende A Coruña e virá un só día á semana a Cee. Feitos que se poden repetir no laboratorio, xa que a hematóloga e a analista algúns días fan as súas funcións tamén dende a Coruña desde fai un tempo”, explican.

Popostas para mellorar os servizos

”Por que en vez de desmantelar este hospital non tratan de aumentar e mellorar os seus servizos?”, pregúntase a Comisión ao tempo que ofrece moitas propostas para mellorar a situación:

  • Aumento do número de prazas e dos días de atención en diálise;
  • Incorporación de celadores/as, que non existen neste hospital, sendo o único de Galiza que non conta con esta categoría profesional para atender as necesidades dos usuarios/as;
  • Posta en marcha dunha consulta de cardioloxía;
  • Aumento do laboratorio para asumir todas as análises dos centros de Atención Primaria sen necesidade de que teñan que ir á Coruña;
  • Posta en marcha dunha UCI 24 horas, que permitiría poder realizar cirurxías de maior complexidade sen ter que desprazarse, realizar probas diagnósticas máis complexas, etc.

Centralización=precarización

”A idea de que a centralización dos servizos non diminúe a calidade asistencial é mentira”, denuncian con rotundidade. “Estamos nunha comarca que se atopa a 100 quilómetros do centro médico de referencia, e dispoñemos dun hospital comarcal que presta un servizo de calidade á poboación e que ten capacidade para ofrecer moitos máis servizos aos seus usuarios/as”.

Por todo isto, a Comisión de Centro quere facer un chamamento a toda a veciñanza da comarca “a defender o seu hospital, e con el o seu dereito a unha sanidade pública e de calidade, e a non conformarse con ser usuarios/as de segunda categoría como pretende esta Xerencia”. “Porque do contrario volveremos a tempos pasados nos que había que percorrer 100 quilómetros para ter unha atención sanitaria de urxencia ou hospitalaria” sentenzan.

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com)