A impresionante Semana Cultural do IES Agra Raíces
O IES Agra de Raíces viviu unha semana chea de entusiasmo e de oferta didáctica, de actividades e obradoiros de aprendizaxe, e visitas guiadas, grazas a súa Semana Cultural 2025, unha tradición que xa se remonta ao ano 1999, cando se tivo a primeira, e que dende entón vense celebrando ininterrumpidamente ata hoxe, só con aquel parón inevitable que sufrimos por mor da Covid.
Este evento especial reuniu a grandes profesionais da zona, quen non dubidaron en compartir o seu coñecemento, talento e paixón co alumnado.
Entre as saídas cabe destacar a que se tivo ao Ézaro, Dumbría, para vivir a experiencia “Contos do Mar” desfrutando das magníficas historias ficcionadas, de vida da xente local, que é memoria e patrimonio que se fai camiñando por roteiros de gran beleza natural. O alumnado de 2º e 3º ESO puido desfrutar do proxecto desenvolvido baixo a coordinación da confraría do Pindo, que pon en valor o patrimonio inmaterial vinculado á cultura mariñeira.
Con 4º ESO desenvolvéronse actividades de concienciación e sensibilización medioambiental, que tiveron lugar na Praia de Carnota, ante a urxencia de coidar e preservar o noso entorno natural, e que debe constituír unha prioridade para todos e todas nós.
Primeiro de ESO coñeceu a Capela de San Fernando, esa gran descoñecida do patrimonio artístico e histórico de Cee, onde se atopa a tumba de Fernando Blanco de Lema, filántropo e mecenas de Cee.
Así mesmo, visitou o Parque de Bombeiros Costa da Morte, e coñeceu de preto o traballo e a experiencia destes grandes profesionais, que tamén recibiron aos alumnos e alumnas de 3º ESO.
Este mesmo alumnado coñeceu de preto a xestión municipal no Concello de Cee, presentación que fixo a propia alcadesa, Margot Lamela, percorrendo as distintas dependencias e explicando a importancia que ten a xestión municipal na vida do día a día de todos nós, e na calidade de servizos da vila, tamén culturais, de ocio e de benestar. Moi interesante resultou coñecer in situ o proceso industrial e as instalacións da empresa XEAL. Os alumnos e alumnas de 2º de ESO comprobaron como se fai o proceso de extracción de ferroaleacións.
Moi agradecidos quedan no IES Agra de Raíces con Graciela Toba de Arte e Movemento que puxo a bailar con gracia, xeito, e moita simpatía, a todo instituto, e en verdade que resultou do máis divertido.
Polo súa parte Damián Espasandín e Manuel París de DaFIT ensinaron técnicas de Defensa Persoal ao alumnado, que desfrutou, como nunca, dunha master class instrutiva, dinámica e de acción.
E Alex de Skate Escola que puxo a facer sake tamén a todo o mundo, enchendo a pavillón de monopatíns e acrobacias incribles.
O Doutor en Historia Contemporánea Emilio Grandío Seoane, profesor da USC, de amplo currículum e escritor galego, falou amplamente sobre franquismo e transición gañándose a atención do alumnado de bacharelato e suscitando curiosidade e preguntas. Xosé María Rei Lema, licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa e asesor lingüístico no mundo audiovisual, autor de tamén de numerosas publicacións divulgativas sobre a Costa da Morte, tivo un interesante relatorio arredor da figura de Castelao, no ano do 75º aniversario da súa morte.
Antonio Nodar, artista carismático e de vangarda, de dilatada traxectoria persoal e vital, levou a cabo un obradoiro con 4º de ESO baseado na súa obra ...from-portrait-to-self-portrait publicada pola Elsa Peretti Foundation.
Laura Suárez, graduada en Belas Artes pola Universidade Politécnica de Valencia, máster de Ilustración e Cómic na escola Elisava de Barcelona e a Autora de Contos da Néboa, realizou un obradoiro de ilustración co alumnado de 1º ESO.
Ana García, a coñecida fotoxornalista presentou o seu libro Mar de Ardora, Mar de Galicia, ante un auditorio abarrotado e entregado ante a gran fascinación que suscita este fenómeno natural. Igual sensación causou a visita dos V Premios Fouciño, á que seguro haberá varios curtas que se presenten.
June Moreno, Campioa de España 2024 de Judo, e plata no Campionato Europeo Junior, achegou o deporte olímpico ao alumnado, demostrou a súa técnia e estilo e puxo a todos e todas a practicar.
Belén Ferrer desenvolveu un moi interesante obradoiro de Creatividade e técnicas de Concentración; e José Avenza, especialista en BioDanza, abreu ao alumnado a unha sensibilidade de percepción e anímica máis descoñecida para eles e elas da que teñen por costume.
Iván Fernández, autor da banda sonora orixinal de CLICK, acompañado de e Cinthya Romero, presentou a curtametraxe a 1º de bacharelato, e tiveron un pase privado e un posterior coloquio.
Sergio García, cabo da Garda Civil, aclarou ao alumnado as ameazas en Ciberseguridade, enfatizando un bo uso das redes sociais, de aplicación e chats. E Fernando, Policía Nacional, da Unidade de Policía Nacional adscrita a Galicia deu a coñecer o corpo ao centro, achegando o desempeño das súas funcións, como por exemplo as acometidas no Camiño de Santiago, tamén respecto á Violencia de Xénero, Menores, Medio Ambiente, e tamén coa Administración galega.
Houbo obradoiros de Arqueoloxía e Prehistoria, onde o alumnado deixou a súa pegada rupestre como mesmo se tratase das pinturas de Altamira. E un que causou sensación, o de Jan Lamas que deixou ao descuberto todos os segredos do cubo RUBIK. Tamén dous SCAPE ROOM: un de Igualdade e ouro de tipo cluedo na lingua de Shakespeare.
Dúas mesas de exalumnos/as polos 5 anos
E por último, co gallo do 50º aniversario da creación do Instituo de Educación Secundaria, posteriormente bautizado co nome de Agra de Raíces, ex alumnos e alumnas do noso centro, de diferentes promocións, participaron en dúas mesas redondas e os posteriores coloquios que foron xurdindo co alumnado:
Pepe Formoso, natural de Cee, empresario, emprendedor e entusiasta amante da súa terra da que busca potenciar en todo a súa singularidade e atractivo. Ideólogo do hotel Bela Fisterra e do albergue Bela Muxía, fundador de Radio Nordés Cadena SER, 40 Principais Nordés, Radio Neria e actual Presidente da Asociación Profesional do Turismo da Costa da Morte (APTCM)
Rocío Leira, natural da Pereiriña, Licenciada en Matemáticas pola USC, que desempeña o seu labor en Santiago de Compostela dirixindo un centro de formación para universitarios, ademais de ser unha escritora referente na actualidade, multipremiada, e versátil en xéneros como a novela (con títulos como Veleno en familia), na literatura xuvenil e infantil (Universo Pitágoras) e mesmo na poesía (Obituario).
Sonia López, natural de Buiturón (Muxía), actual Directora do IES Fernando Blanco, profesora de matemáticas e especialista en Benestar e Salud Emocional e Extratexias de Aula. (Foi Xefa de Estudos aló polo 2016 no Agra de Raíces e tamén durante anos profesora e por suposto alumna distinguida).
Hipólito Santabaya, natural de Brens, exdirector do IES Agra de Raíces (2013-2015), ex-Xefe de Estudos, e Fundador do Gabinete de Orientación do IES Agra de Raíces, tamén exalumno das primeiras promocións.
Mateo Pérez, natural de Cee, estudiante na actualidade na USC do dobre grao de Física e Matemáticas, mellor expediente académico da súa promoción no IES Agra de Raíces e Premio Extraordinario de Bacharelato.
Francisco J. Blanco: Fillo honorario de Cee. Especialista en reumatoloxía, formado no Hospital 12 de Outubro de Madrid e na Universidade de California San Diego. Combina o seu labor asistencial como reumatólogo na súa consulta privada de Cee coa docencia, como Profesor Titular de Medicina da Universidade da Coruña. En 2019 foi premiado na categoría de Reumatoloxía do European Awards in Medicine; e en 2022 foi nomeado Académico Correspondente da Sección II de Ciencias Médicas da Real Academia Nacional de Medicina de España (RANME).
Fernando Fraga: Natural de Lires, Formado no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid, Profesor de acordeón no Conservatorio Profesional de Música de A Coruña, compositor, e Director da Escola Musical de Cee. Colaborador de Óscar Ibáñez, Pancho Álvarez o Carlos Núñez e autor de Folcromías.
Ramón Marcote, natural de Estorde, comezou a súa traxectoria nas categorías inferiores do Atlético de Madrid, como preparador físico e asistente técnico, e con posterioridade encárgase de coordinador a canteira na tempada 2016-17. Adestrou ao equipo xuvenil coruñés Montañeros CF e foi segundo do AD Alcorcón e preparador físico do filial de Tercera División. En Malasia tamén adestrou ao Kedah FA. No 2021, firma como adestrador do equipo xuvenil do Ao-Hilal Saudi Football Club de Arabia Saudita, ao que dirixe ata 2022. E logo firma polo Ethnikos Achnas da Segunda División de Chipre.
Eva Trasmonte: natural de Buiturón, Muxía. licenciada en enfermería pola USC, profesora do Ciclo Medio de Coidados Auxiliares de Enfermería e do Ciclo Dual Superior de Hixiene Bucodental do IES Agra de Raíces.
Jenifer Espasandín: natural de Pereiriña, Grao en Matemáticas pola USC, Investigadora do Grupo de Bioestatística e Ciencia de Datos Biomédicos da USC, Máster en Técnicas Estatísticas, Estatística e Investigación Operativa, Doutora en Estatística e Investigación Operativa. Profesora do IES Agra de Raíces.
Mateo Pérez: natural de Cee, estudante na actualidade na USC do dobre grao de Física e Matemáticas, mellor expediente académico da súa promoción no IES Agra de Raíces e Premio Extraordinario de Bacharelato.
"Todos eles e elas contribuíron a fortalecer o vínculo coa nosa comunidade e enriquecer a experiencia educativa do IES Agra de Raíces", explican dende a dirección do centro. "Nunca debemos obviar que a cultura é a alma dunha sociedade, que nos conecta directamente coas nosas raíces para impulsarnos a construír un futuro cheo de coñecemento e creatividade. É por isto que, desde o Centro, apostamos por amosar unha realidade profesional e innovadora da contorna onde vivimos, co fin de poñer en valor todo canto temos e sentirnos orgullosos da nosa terra, da nosa xente e da nosa cultura e lingua. Agardamos que esta Semana Cultural 2025 deixe unha pegada en todos e todas e siga promovendo o verdadeiro espírito de aprendizaxe, creatividade e colaboración que tanto caracteriza ao IES Agra de Raíces", esperan.