A Lagoa, onde morre xente por non haber cobertura
Nas últimas semanas, e tal e como recolleron os medios de comunicación, na Lagoa, a pequena aldea ceense da parroquia de Lires, déronse uns feitos realmente lamentables, pero evitables.
Unha persoa maior pasaba dous días, coa súas noites, tirado nunha finca, a intemeperie, sen poder moverse e sen ser capaz de chamar a urxencias por falla de cobertura no móbil. O peor de todo isto é que unha antena está a mais ou menos un quilómetro, na veciña aldea de Cabaleriza.
A pesares das insistentes reclamacións da veciñanza, xa que a pouco que soprara o vento a antena cambiaba de posición e deixaba de dar servizo a aldea, a empresa propietaria nada fixo por remediar o asunto. O que puido ser nunha nova mais na hemeroteca, rematou cun feito luctuoso, o veciño falecía días despois incapaz de superar os danos das noites baixo a choiva e o frío.
Él, Pepe do Macanás, era a última persoa que vivía na Lagoa.
Na enciclopedia Galicia, aínda existente na Casa de Zamora, recóllese que na década dos 60 había 21 habitantes na Lagoa, sendo a poboación de Lires,158 persoas. Hoxe, A Lagoa non ten habitantes e Lires conta, a datos do INE do 2023, con 378.
Zamora, a persoa que recolleu a Pepe tirado na leira, contábame que él, aos pouco mais de 60 anos que ten, recordaba que aló polos finais da década dos sesenta, estaban na aldea a Casa do Cortilleiro, vivía nela Sra. María, Sr. José, Sra. Dorinda, Manolo, o médico, e a súa dona Carme, que fora mestra en Fisterra; a Casa de Sra. Manuela, onde vivía ela mesma e Sr. Jesús do Cornís; na Casa do Macanás, vivía Sra. Estrella, Sra. María, Sr. Bautista, Sra. Camila, Sr. Jesús do Cartelán e Pepe do Macanás, o último morador da Lagoa e recentemente falecido; na Casa da Caseteira estaban Sra. Dolores e Sr. Juan Tomé, que tiveron tres fillos, Jesús, un fillo que lles morreu, e unha filla que marchou para Asturias; na Casa de Díaz, o Sr. Andrés e a Sra. Manuela, esta casa xa non existe hoxe físicamente; da Casa do Cornís eran Sra. Aurora e Sr. Bautista; e da de Zamora, José de Zamora, con quen o meu avó traballou incansablemente media vida e ao que o unía un inmenso aprezo, a súa muller Isaura e o seus fillos José, quen conta isto,e María José. Tamén existía a chamada Casa do Bolas, onde él non lembra vivir ninguén. Mais recentes son as casas novas de Paco e Alberto.
A situación actual
A día de hoxe, a realidade da aldea é de ausencia total de persoas que viven a diario. Certo é que aos fins de semana, ou por actividades laborais de familias con propiedades, pódese ver certo movemento de vehículos e persoas, pero a aldea da Lagoa pasa por ser a primeira do noso concello sen habitantes. As pésimas estradas que lle dan entrada e saída cara a vía de Toba a Lires e cara a DP2301, Pereiriña-Lires; a ausencia dunha traída de auga en condicións, ou a falla de recollida de augas residuais, non axudan para nada a reverter a situación, mais tamén é certo que non son esas as únicas causas do despoboamento, sendo a principal a económica, a falla de oportunidades de traballo para poder asentarse a xente moza, causa inherente a desaparición paulatina do rural galego.
Lires pasou de 501 habitantes no ano 2000 a 378 no 2023, un 25% de caída poboacional en 23 anos, según os datos publicados no INE. Hoxe, coñecendo como coñezo a parroquia e a súas xentes, de seguro que xa somos un puñado ben menos e aventúrome a asegurar que no paso doutros 23 anos a caída será bastante maior que esas 123 persoas, que ese 25%, podendo chegar sen problema a un 40 % ou mais. Non estou a facer especulacións ou apostas na barra dun bar, tan só basta con comprobar os datos de idade, do mesmo INE, que mostran unha poboación fortemente embellecida, coas sabidas consecuencias a curto prazo, e coa pouca previsión de natalidade pola evidente falla de mulleres en idade reproductiva.
Tan só o turismo, e as persoas e familias que deciden quedar aquí tras visitarnos ou para retirarse na tranquilidade da parroquia poden maquillar un pouco as cifras.
Falaba o Sr. Feijoo, logo da súa maioría absoluta nas elecións galegas do 2016, agora está o home mais preocupado polo que pasa na capital do reino que polo que nos afecta as galegas e galegos, que ía ser esa a lexsilatura do rural. Pois as consecuencias desas políticas xa chegaron tamén ao noso concello. Certo é que a todo hai quen gañe, e non me quero nin imaxinar o que pensaría xente do rural de Lugo ou Ourense se lese esta miña reflexión, seguramente a elas xa lles pasou fai lustros.
Para máis inri
A raiz da fatídica situación das últimas semanas, comecei a ter contacto cos donos das casas e propiedades de A Lagoa e a interesarme, mais aínda, pola situación da aldea. Nestas conversas con Zamora, Alberto e Manolo, saíu a luz o problema coa corriente eléctrica. Por si a falla de cobertura telefónica fose pouco, resulta que nas casas da aldea non se poden usar aparatos eléctricos conxuntamente.
Si tes unha lavadora non poñas a vitrocerámica, ou si o veciño pon a bomba da auga para os invernadoiros, reza a canto santo haxa para que non veña ese día o do lado e enchufe, eu que sei, unha prancha. Rocambolesca é a situación de Alberto, que fai uns anos fixo unha preciosa vivenda e quixo ter unha pequena piscina ao lado. Logo de múltiples peripecias cos permisos e demais, resulta que non a pode usar por non ter uo tendido eléctrico en condicións.
As caídas de tensión son tales na aldea que provocan estas situacións, mais propias de comezos dos oitenta que da época actual. A causa mais probable, a liña que alimenta a aldea desde o tranformador sito en Ruibo, unha liña de aluminio en aire que percorre mais de dous quilómetros até a aldea. Para quen entenda algo de electricidade, ou case sen entender, branco e en botella.
No último pleno ordinario, desde o grupo municipal do Bng de Cee, puxemos riba da mesa a situación até aquí contada, introducindo o asunto cun alegato en contra desas persoas que non fan ben o seu traballo, que non se preocupan mais que por si mesmas. Cómo pode ser que tras múltiples reclamacións a empresa de telefonía non houbese quen rematara co problema na antena cada vez que o vento se levanta, como é posible que unha alcaldesa venda torres de comunicación sen rematar con fotos na prensa que levan a engano, mentres sucede o anterior; ou cómo pode ser que haxa técnicos que viñesen comprobar os problemas coa corrente eléctrica e sigan a asegurar que non pasa nada.
Pero tamén quixemos aportar solucións, e foi así que instamos ao goberno, a alcadía, a que desde o concello se contratase a unha empresa especializada que comprobe e certifique o que a veciñanza nos conta, que a tensión eléctrica cae e non é posible facer vida normal nas vivendas habitadas aos fins de semana e momentos puntuais, e que con ese informe se denuncie, diante dos organismos competentes, a realidade da Lagoa. Esperemos que se estea traballando na solución, verémolo.
Eu, amante da sabiduría popular, fago neste caso alusión ao refraneiro español con aquel dito de “entre todos la mataron y ella sóla se murió”.
Ela, hoxe é A Lagoa, a primeira, pero non será a última.
- Serxio Domínguez.