O BNG promete futuro á mocidade costeira

Membros do BNG e Galiza Nova na caravana Mocidade en Muxia

"O futuro de Galiza e da Costa da Morte pasa por garantir emprego, transporte e servizos públicos na comarca para que a xente moza non marche e a que marchou poida volver". Ese é o discurso co que o BNG e Galiza Nova tratan de enganchar á mocidade de cara ás eleccións autonómicas do vindeiro 25 de setembro.

A caravana da mocidade de Galiza Nova estivo esta fin de semana na festa da Barca en Muxía presentando as principais medidas do BNG para as vindeiras eleccións do 25 de setembro. "Temos un País rico, cheo de vida e de xente que quere traballar e sacalo adiante. Non podemos permitir que siga perdendo xente moza que ten que ser o seu futuro”.

"No BNG temos propostas, temos ideas, sabemos o que queremos e o que precisa este País. Somos conscientes de que o futuro pasa pola mocidade e que non podemos permitirnos perder a ninguén. Hai que poñer a producir a esta terra e a xente nova é o principal motor. Por iso para nós é fundamental contar con ela, témola presente e temos un programa específico de medidas que permitan desenvolver unha Galiza moderna desde nós mesmas”, sinalan.

Desde o BNG apostan por duplicar o investimento en I+D+I e por incorporar ao sistema galego de I+D+i á xente nova “que ten talento, que está preparada e pode achegar o seu saber a este mundo da innovación e da modernización do País”.

Cesar Perez ca Caravana da Mocidade do BNG en Muxia

Plan Retorna e microcréditos

A formación nacionalista tamén inclúe no seu programa o denominado Plan Retorna para favorecer a volta a Galicia e a posta ao servizo do País da xente nova con talento e tamén da que emigrou por razóns de necesidade económica.

Outras das propostas do BNG para a mocidade son “a aplicación dun sistema de microcréditos para financiar proxectos de emprego xuvenil, a potenciación do emprendemento mediante empresas de economía social con financiamento tamén de entidades públicas como a banca pública galega, a mellora das condicións laborais e salariais dos contratos de formación e prácticas coa súa equiparación ao salario mínimo interprofesional -que se pretende incrementar na súa dotación-, e un plan de emprego xuvenil plurianual que contemple actuacións en todos os ámbitos, pero sobre todo nos sectores estratéxicos da economía do país para favorecer o relevo xeracional e a incorporación da xente nova”.

”Temos que garantir que a xente moza poida optar a quedar na nosa comarca e que volvan as miles de persoas de menos de 35 anos que marcharon nos anos de goberno de Feijoo. A Costa da Morte é rica en recursos e ten moitas posibilidades, só precisa dun goberno ao servizo da xente que aposte por investimentos en materia de emprego, de infraestruturas e de servizos públicos, garantindo o acceso aos mesmos a todo o mundo”.

Fonte

  • BNG.