O fime documental 'Salvaxe, Salvaxe', de Emilio Fonseca, chega este xoves 27 a Cee
Tralo seu paso por Corcubión, "Salvaxe, Salvaxe", a primeira longametraxe do cineasta Emilio Fonseca, proxectarase este xoves 27 nos Cines A Xunqueira de Cee (20h).
O documental, rodado entre Galicia e Portugal coa compaña de científicos/as e investigadores, busca resignificar as imaxes da natureza e cuestionar a relación entre humanos e non humanos. Un exercicio fílmico que se achega ao silvestre sen suplantalo, co desexo de descubrir a súa existencia e sen necesidade de representalo, revelando tanto as imaxes de ausencia como as de encontro.
O filme foi premiado en eventos como o Festival de Málaga, FICG Guadalaxara, Play-Doc, Alcances, Festival de Cine Internacional de Ourense ou Another Way Film Festival
"Con SALVAXE, SALVAXE quixen facer unha película para compartir a emoción que me esperta a cohabitación con outras formas de vida. Empecei o proxecto como un documental sobre os lobos do noroeste ibérico, entrevistando a xentes que tiveran contacto con lobos, gandeiros, investigadores. Axiña me dei conta de que non quería facer outra reportaxe sobre os danos á gandería, as medidas de protección do gando e a chamada “xestión” do lobo, cando o único que significa é cantos hai que matar. Tampouco busquei un “típico documental de natureza” no que se espectacularice o drama da vida salvaxe nunha contorna bucólica onde non hai rastro do humano. Non me parece interesante discutir se hai que conservar ao lobo, especie fundamental dos nosos ecosistemas. Para min é urxente coidar esa poboación de lobos e os ecosistemas nos que habitan e tamén axudar a desarticular políticas e discursos contrarios ás vidas non humanas e a evidencia científica", afirma o director.