Unha onda da Costa da Morte na Gala da Reina da Beleza de Albacete

A ceense Nerea Mouzo participou na Gala da Reina da Beleza de Albacete-Foto-El Digital de Albacete

Xa temos tido boas experiencias no mundo da moda na Costa da Morte. A Mostra do Encaixe, é o noso meirande escaparate mundial, pero xa temos enviado ás nosas mellores modelos ao certame “Miss Galicia” e mesmo temos algún profesional como o vimiancés Armando Soneira.

E precisamente pode que teñamos unha nova moza seguindo eses pasos. Ten o camiño da moda aberto e dependerá en boa medida dela aproveitalo. Falamos de Nerea Mouzo Iglesias, a ceense, despois de ser Miss Galicia, foi a representante galega na Gala Rey y Reina de la Belleza de España, celebrada en Albacete.

Nerea levou o nome da Costa da Morte con moito orgullo ata Albacete. Non levou o premio de Miss España pero para ser o primeiro certame de beleza ao que se presenta, e sendo o máis importante de España, quedou máis contenta.

”Para min foi a primera porta que se me abriu neste mundillo. Ensináronme a desfilar, a posar, a ensinar toda a miña beleza. Agora sei o que se busca neste certamen, que son persoas camaleónicas que tanto podan facer moda (as modelos que van caminando serias rectas ca mirada perdida), como demostrar a beleza máis pura (ir sorrindo con actitude, con forza con orgullo con personalidade…). E eu fun cun orgullo que non me cabía no peito representando á Costa da Morte. De feito nos detalles típicos leveilles unha escala do Faro de Fisterra e unha peza de encaixe das palilleiras de Muxía”, cóntanos.

”Porque para min representaba por un lado a beleza salvaxe e por outro a moda da nosa terra. O vestido de gala tamén o escollín segundo a sensación que transmite a nosa zona, o noso mar: Un vestido de seda sinxelo sobrio azul oscuro, con movemento e profundidade, pero non ostentoso, símplemente que no medio dos outros fose a nota de naturalidade e frescura, coma se por ali pasase unha onda”.

Un futuro cheo de aspiracións

”A experiencia en Albacete foi estupenda, coñecín a persoas con vocación e paixón polo seu traballo. Foi inspirador e animoume moitisimo a loitar polo meu futuro”, recoñece. ”Ser Miss Galicia foi a miña entrada. Este mundo é a miña paixón, gracias a esto podo seguir construindo o meu futuro neste entorno, e continuar expresándome ca moda”.

Sen un referente concreto

Nerea non ten unha modelo de referencia. “Realmente fíxome en todo aquel que teña paixón e gusto e que defenda o seu traballo. Fíxome nas persoas que o viven. Iso é o que me inspira e me dá confianza en min mesma. As persoas que disfrutan son as que cada día poñen amor no que fan. Iso e o que eu quero”, relata.

Ten que agradecer a colaboración da Asociación do Traxe Galego, pois tamén desfilou co traxe tradicional facendo parella con miss Galicia, Bruno Meizoso. E ata Albacete foi a deseñadora da corona, as viguesa Lorena González, animando aos representantes galegos. “Foi unha pena non poder traer de volta a Coroa pero sentímonos realizados igualmente”.

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).