A Costa fai camiño ao andar
Volveu ser unha fin de semana esta no que o sendeirismo, en clave local, foi protagonista. E sempre resaltamos a importancia de coñecermos os nosos recunchos de primeira man, a pé, para poder “fardar” con orgullo do que para nós é o maior tesouro da bisbarra: o noso patrimonio natural.
Esta pasada fin de semana volveron saír 3 expedicións para percorrer os nosos camiños. Precisamente o Camiño, entre Corcubión e Fisterra, fixeron os participantes na Andaina Coñece a Costa da Morte. Ata Caión marcharon os membros de Senda Nova, mentres os peregrinos zaseiros seguen unindo Santiago e Muxía por Brandomil.
Nova Andaina
Uníu, a través do Camiño, Corcubión e Fisterra, esta nova etapa do programa de Andainas Coñece a Costa da Morte. Desta volta foron 260 veciños da volta os que aproveitaron o fermosísimo día para facer os 16 km que hai entre o Faro C e o Faro Fisterra. Un treito que conta con tramos de costa moi bonitos.
Xa esperan á vindeira cita, por Vimianzo o 3 de xuño, e avisan de que a cousa se vai presentar moi pero que moi bonita.
Por Caión con Senda Nova
O programa Primavera en Ruta de Senda Nova marchou ata Laracha para percorrer os Camiños de Caión, uns camiños costeiros de auténtica Costa da Morte.
Camiño de Brandomil
Mentres os bravos zaseiros peregrinos seguen co seu Camiño Santiago-Muxía, reivindicado o paso por Brandomil. Onte precisamente os 60 camiñantes saían da mítica Ponte romana e remataron en Brandomil, despois de facer 22 quilómetros entre Zas e Vimianzo, no que é a terceira etapa, e penúltima, deste Camiño.
Algúns dos lugares polos que se pasaron foron, por exemplo, o pozo de Limideiro, lugar de gran beleza e recentemente recuperado grazas as labores de limpeza do concello. Este punto non pasou desapercibido para ningún peregrino (adxunto foto de peregrinos neste punto). A ponte de Orbellido, Baiñas, Boudañeira... foron algún dos lugares de paso.
Dentro dos peregrinos que fixeron esta etapa, ademais de Manuel Muíño, alcalde de Zas, atopouse o recoñecido historiador Manuel Vilar, moi vinculado a estudos relacionados co Camiño de Santiago, e que está preparando o informe para presentar a Patrimonio para o recoñecemento administrativo desta ruta histórica que une os puntos Santiago e Muxía.
A organización destas etapas estanse realizando dende o Concello de Zas en colaboración coas asociacións implicadas no proxecto: Asociación Grandimirum de Brandomil, Asociación Baiñas no Camiño e Asociación de Berdoias, colaborando tanto na identificación de trazados orixinais, marcaxes e xestión cos concellos para labores de limpeza e mantemento.
O próximo sábado día 27 de maio, realizarase o traxecto final con chegada a Muxía, onde o grupo de peregrinos será recibido polo alcalde deste concello, o cal fará entrega das primeiras Muxianas deste camiño Santiago a Muxía por Brandomil, aos peregrinos que realizasen as catro etapas e selaran as súas cartillas correspondentes.
Novas relacionadas
- Facendo comarca a pé nas Andainas Coñece a Costa da Morte
- Senda Nova descubre a ruta das mámoas de Cabana
- Mil parabéns para o Inclusivo Camiño Sen Límites.
- 10-04-17: 400 veciños da bisbarra descubren andando a maxia de Cee.
- Ponse en marcha a 5ª edición das Andainas para coñecer a Costa da Morte.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).