A rehabilitación dunha casa en Corcubión destapa unha posible representación do Santo Grial

A rehabilitación do nº 59 da rúa Rafael Juan, en Corcubión deparaba unha nova sorpresa. Un novo achádego do patrimonio histórico corcubionés era o que os obreiros acababan de descubrir. Con tino, e vagariño, os operarios picaron para non danar as formas que sobresaían da pedra: un caliz e, catro pedras máis abaixo, o que probablemente simboliza unha hostia. I é que a vila de San Marcos non deixa de sorprendernos. Hai uns meses descubríase en plena Praza de Castelao unha porta medieval da época dos Moscoso. E hoxe coñecemoso que pode ser unha representación do Santo Grial.

O Santo Grial

Agora os investigadores teñen máis traballo para saber que significan estas formas talladas. Nós preguntamos ao noso especialista corcubionés, Alejandro Lamas. Jano apunta que as pedras puideron ser reutilizadas doutra construción máis antiga, de máis de 100 anos de antigüidade. Deste xeito, é posible que as pedras, no seu lugar orixinal, estiveran colocadas de distinta forma. Así, o caliz estaría xusto debaixo do que se supón que pode ser unha ostia. Esta representación coa ostia enriba do cáliz simbolizaría o Santo Grial. Como nos conta Jano, "a traza do cáliz é claramente medieval. O único estraño é a talla do círculo que representa a hostia, esta adoita representarse en círculo plano e a da casa é semiesférica, mesmo se observa unha especie de pezón. Claro que pode deberse a erosión ou ao repicado", sinala o investigador corcubionés.

Un símbolo de protección dos xudeos

Segundo nos conta un catedrático da USC, "Os símbolos cristiáns que se puñan nas portas das casas, ou nos lugares máis visibles, adoitaban facerse co fin de protexer a vivenda. Con todo, os xudeos cristianizados adoitaban tamén gravar cruces e outros sinais cristiáns nas portas e paredes exteriores das súas casas para demostrar que eran crentes e protexerse contra as sospeitas da Inquisición. Por toda esa zona da Costa da Morte refuxiáronse moitos xudeos tras as persecucións. Adoitaban ser cristiáns xudaizantes en segredo que se protexían dese xeito".

Unha casa de sempre

Contan as veciñas do lugar que a casa foi sempre utilizada ata hia poucos anos. A casa é propiedade da familia dun cura de Buxantes. Pero foino antes da coñecida familia corcubionesa dos Pistolas, e tamén da de Enadina. A terraza foi unha cabaleriza moitos anos, e cabras, vacas, cabalos... compartiron a rúa Rafael Juan con moitos veciños ata hai ben pouco.

Novas relacionadas

Máis novas arquoelóxicas

Que pasou na Costa, con Víctor Castiñeira

Fonte