A Universidade Popular de Corcubión abriu o mes das Letras coa Festa dos Maios

Non é unha festa que se lembre moito pola zona, polo que a recuperación da "Festa dos Maios" por parte da Universidade Popular de Corcubión é salientable. Para abrir o programa Maio das Letras, o vindeiro sábado día 10, os cativos da vila de San Marcos festexaron a primavera realizando o seu propio Maio, bailando arredor del como facían os nosos antergos.

Vai máis aló a proposta cultural da Universidade Popular de Corcubión neste Maio das Letras, que nos trae diversas actividades lúdicas e culturais a desenvolver ó longo deste mes. Un programa que pretende achegar a cultura á rúa e ós espazos de ocio, na medida do posible, para achegar ós actos ó maior número de persoas.

Polo día das Letras Galegas, 17 de Maio, animan a participar das manifestacións convocadas pola plataforma Queremos Galego na defensa do noso idioma, pero tamén farán chegar a poesía de Díaz Castro ós establecementos de ocio de Corcubión a través do "Letras na taberna", unha proposta semellante á dos Contos de Taberna do Concello de Carballo, na que os poemas acompañarán ás consumicións.

O venres 23 toca a proposta: "Letras con contos entran", no Aparthotel Praia de Quenxe ás 20:30h, con “Tradición 2.0”, monólogo da man do actor Cesar Cambeiro Quintela (entrada de balde).

E as citas rematarán o venres 30,cunha sesión titulada “Queremos galego, queremos futuro" no Auditorio municipal "capela do Pilar"ás 20:30 hrs co novo presidente da MESA pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira.

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).