As Cartas do Avó Pascasio: Unha alegre grasita coloreada

Moi querida neta Cristina: Escríboche para comentarche que estou un pouco intranquilo. É certo que coñezo que tes forza mental e espiritual pero non é fácil aguantar os duros embates de certos membros do Poder Injudicial Coimero. Fágoche chegar o apoio solidario dos avós emigrantes. De lonxe sufrimos impotentes a acción destrutiva dun goberno que foi elixido coa intención de mellorar unha xestión que dicían era unha "ditadura" porque había pleno emprego con bos salarios que levaban á xente a vivir ben. Os emigrantes de Galicia somos amigos do diálogo. Así foi como abrimos o camiño da nosa integración nunha sociedade afastada da fermosa terra de orixe. Dóenos ver que o réxime macricida carece de virtudes. É vengativo. Creo que don Mauricio esquécese de que está de paso. En democracia todo goberno é transitorio. Dentro duns anos a súa actitude negativa será recordada como a acción dun presidente de moi escasa categoría moral. A historia recollerá que gañou as eleccións cunha cantidade de causas xudiciais pendentes. Ademais, para redondear a súa debilidade ética constatouse que é evasor de impostos, é dicir, un inimigo do país que lle encheu a panza ás súas ascendientes calabreses. Na última reunión no "Recuncho Galego" analizamos as diferentes facetas do ataque á dignidade e solidariedade do 99% dos arxentinos. É evidente que houbo un cambio. Antes o goberno era de inclusión e agora é de exclusión. Moitos miles de cidadáns votaron para excluír aos seus veciños grasanegroperonista do asado dominguero en familia. Conseguírono. O novo goberno cumpriu e rápidamente sacou da clase media a máis de cinco millóns de arxentinos. O cambio é notorio. Antes o estado subvencionaba servizos básicos como a luz, o gas ou o transporte. Agora o máis chetofashion é subvencionar a unha empresa estranxeira para que pague salarios inferiores ao mínimo nacional. Os avós quedamos noqueados. É incrible o grado de desfachatez ofensiva do goberno en contra do esforzo dos empresarios normais que súan para chegar a fin de mes. Nós, alá abaixo, tiñamos un negocio -bar, carnicería ou panadería- pero nunca recibimos unha axuda estatal para contratar empregados. Cumpríase co pago do salario que establecía o laudo do sector e un pouco máis cando o laburante merecíallo. É inexplicable que don Mauricio agarre guita pública para unha empresa privada. Onte nomás criticábache con acritude polas axudas sociais que estableceras.   Bueno, se cadra nós estamos atrasados. Quizais a moda neoliberal sexa axudar ás empresas que máis gañan para que aínda gañen máis. Debemos de ser comprensivos. A alegre multinacional vendedora de grasita coloreada necesita dun incentivo para promocionar a súa nova MACMACRI en homenaxe ao bo amigo que lles entrega 1000 pesos para completar os 4500 do salario mensual dos contratados. Haberá contratados que se alegrarán moito porque non pagarán imposto ás ganancias grazas a que don Mauricio preocúpase polo seu benestar. Despídome. Nuns minutos no Salón de Actos comeza a proxección exclusiva dun video que nos enviou nosa querida neta lalinense Graciela Pereira. Trátase do estreo celestial da grabación dunha obra teatral que escribiu Silvia Ramos sobre a amizade inalterable de dúas emigrantes galegas chamadas Angustias (que vén a Bos Aires) e Consolo (que se queda na aldea). Cando poidas andá a vela ao Teatro Columbia. É unha historia que incumbe a todos os arxentinos e que conta co valor engadido de incluír varias cancións en galego na voz de Graciela. Recibe o agarimo do vello fonsagradino que segue apostando forte polo retorno da súa neta á xefatura do estado arxentino. Pascasio Fernández Gómez – Pascasio Fernández Gómez.  
  • Manuel Suárez Suárez. (mansuarez[arroba]quepasanacosta.com).
 

Outros artigos dende Lonxe de Montevideo

Fonte

    • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).