A hostalería segue a ser o motor de emprego en Bergantiños a pesar da baixa cualificación

Chégannos hoxe as cifras da Bolsa de Traballo (BDT) do Concello de Carballo. Unhas cifras que deixan ás claras a importancia da hostalería na nosa economía, pois xa acapara case a cuarta parta das ofertas de emprego que chegan á BDT carballesa.

Exactamente, un 23,46 % das ofertas de emprego recibidas pola Bolsa de Traballo (BDT) do Concello de Carballo teñen como obxectivo cubrir postos no sector da hostalería. Cociñeiros/as e camareiros/as son dúas das tres ocupacións con máis saída laboral, un dato que non só se reflicte na actividade da BDT, senón tamén no informe Servizo Público de Emprego sobre as ocupacións máis contratadas na comarca de Bergantiños, no que os camareiros/as figuran no primeiro lugar con máis do dobre de contratos formalizados que o segunda.

Sen cualificación

Sen embargo, nin cociñeiros/as nin camareiros/son son os empregos máis demandados polos usuarios/as da BDT. As mulleres queren traballar, sobre todo, coma dependentas de comercio, repoñedoras, caixeiras de supermercado, limpadoras ou administrativas. As que se ofrecen para o sector da hostalería fano como pinches de cociña ou camareiras, pero en xeral sen cualificación. De igual xeito, os homes ofrécense para postos que requiren pouca ou ningunha preparación, coma mozos de almacén e carga/descarga, repartidores, albaneis, condutores ou repoñedores. Para postos de camareiros e/ou pinches de cociña hai moi poucos candidatos, e ningún para cociñeiro profesional.

Por iso é tan importante a formación, e dende a Concellería de Formación e Emprego pretende fomentar a formación das persoas desempregadas, precisamente, nos sectores que lles ofrecen maiores posibilidades de inserción laboral. No caso concreto da hostalería, preto de 30 persoas están a prepararse con esa finalidade nos cursos de cociña e servizos de restaurante que se imparten na Escola de Hostalería do Fórum. O de cociña, que comezou o 20 de xuño, rematará o vindeiro 11 de decembro, despois de 848 horas de formación que inclúen prácticas en empresas. O 4 de decembro rematarán tamén os alumnos de servizos de restaurante, que se incorporaron ao centro o 1 de xullo, e que nestes momentos están a preparase na prevención de riscos laborais e en inglés.

A maiores da oferta formativa relacionada coa hostalería, as instalacións do Fórum acollen tamén ata decembro un curso de operacións auxiliares de montaxe de instalacións electrotécnicas e de telecomunicacións e outro de soldadura oxigás e MIG/MAG. Esta última especialidade figura no sétimo lugar entre as ocupacións máis demandadas polas empresas na BDT.

Menos paro e máis contratos

Nestes momentos hai un total de 1.391 persoas rexistradas coma demandantes de emprego na bolsa municipal, 665 homes e 726 mulleres. O servizo está a rexistrar moi boa acollida tanto por parte das persoas desempregadas coma das empresas, que recorren a el cada vez con máis frecuencia. De feito, dende maio foron ofertados 65 postos, 10 deles no último mes. O número total dende a posta en marcha da BDT ascende a 165.

Así, as listas do paro en Carballo están a reducirse dende que comezou o ano. A finais de xaneiro había 4.009 persoas inscritas no Servizo Público de Emprego, mentres que o mes de setembro pechou con 3.448, o que supón un descenso de 561 persoas. O desemprego afecta máis ás mulleres que aos homes. De feito, malia o descenso que se produciu no último mes, en setembro hai no paro 15 mulleres máis que en agosto, polo que o descenso afectou sobre todo aos homes. Ao mesmo tempo que baixa o paro aumenta o número de contratacións, aínda que, curiosamente, as máis beneficiadas son as mulleres. Neste sentido, en setembro rexistrouse a cifra máis alta do ano, cun total de 537 contratos iniciais (38 máis ca en agosto), dos que 230 corresponderon a homes e 307 a mulleres.

Novas relacionadas

Fonte

  • Concello de Carballo