As cartas do Avó Pascasio: Clínica Sanitaria do Globo Amarelo

Moi querida neta Cristina: Antes de nada, fágoche chegar os meus parabéns pola distinción que che acaban de conceder na Universidade Nacional de Quilmes. A partir de agora vas recibir máis "Honoris causa" de centros universitarios que recoñecen o gran apoio á educación pública durante a túa xestión de goberno. O motivo da carta é a enorme preocupación que temos ao ver o ataque ao patrimonio social do Centro Galego de Bos Aires. Por desgraza, estás fóra do escenario político pero seguides mantendo varias liñas solidarias de actividade que poden destapar a escura manobra macrista para privatizar un hospital que é propiedade dos socios. Non imos quedarnos quedos. Non queremos ser cómplices dun delito. Imos mobilizarnos para salvar a suor de miles de emigrantes que construíron un fogar colectivo para curar feridas espirituais e físicas na esquina de Belgrano e Pasco. O primeiro que fixemos foi convocar a dous ex presidentes do Centro Galego que son vellos amigos. Invitamos a Álvaro e a Eduardo para pedirlles a súa activa colaboración nun momento de alto risco para a continuidade do histórico Centro Galego. Eles son os máis indicados para intervir porque son tamén afiliados de honor á Agrupación Breogán que é a responsable da traidora matufia nas recentes eleccións. A continuación vouche a reproducir o texto que leron na reunión. Verás que son xente de arraigadas conviccións que non se perden no medio de globiños amarelos como lles pasou a case todos os dirixentes das agrupaciones políticas que de acordo cos estatutos sociais son as responsables de protexer o patrimonio social que inclúe tamén o panteón no cemiterio de Chacarita. Aquí vai o que expresaron: No noso dobre carácter de afiliados á Agrupación Breogán e ex presidentes do Centro Galego na súa representación; manifestamos o noso total rexeitamento a calquera acto que non respecte as regras estatutarias. Nosa honorable agrupación sempre xogou limpo en todas as eleccións. Non aceptamos o resultado da votación porque parte ab initio dun engano. Si un integrante da candidatura non ten a antigüidade esixida non se pode presentar. Se o fai é nulo o acto electoral e debe de repetirse. Facemos constar que lle retiramos a nosa herdanza á Agrupación Breogán, xa que logo deixa de pertencer á digna estirpe de galegos que emigraron para sementar honradez alí onde foren. Facémolo con tristeza pero é necesario borrar a uns descendientes que destrúen o niño dos avós. Poñeremos toda a nosa emoción galega en evitar a entrega gratuita do Centro Galego a un grupo empresarial que o converterá en hospital para ricos. Os coimeros, enchastradores, mentirosos e tramposos non son parte da etnia galaica de esforzados traballadores que encheu a Arxentina de espazos de sa vida familiar. Uns ridículos 712 votos non lexitiman para emprender o camiño da privatización. É evidente que o 99% dos votantes foron enganados. Ninguén vota para perder unha boa asistencia médica a cambio de ter que pagar unha alta cota mensual nun centro médico que perdeu as raíces ao pasar a denominarse Clínica Sanitaria do Globo Amarelo. Esperamos que algún neto ou neta móvase nas altas esferas xudiciais para frear aos desgraciados que queren poñer o seu nome na páxina máis negra da historia emigrante no Río da Prata. Despídome. Teño unha invitación que me fixo chegar a entusiasta neta Verónica para o estreo no Auditorio Kfraft dunha obra teatral en homenaxe ás irmás Fandiño Ricart. Hai que aplaudir a iniciativa da Asociación Botando Raíces de recordar a dúas flores compostelanas (As dúas Marías ou Ás dúas en punto) que sufriron en carne propia o desprezo e o maltrato do réxime ditatorial franquista. Recibe o agarimo do vello emigrante fonsagradino que segue empuxando para que a acolledora terra arxentina recobre pronto a súa perdida saúde.
  • Pascasio Fernández Gómez
 
  • Manuel Suárez Suárez. (mansuarez[arroba]quepasanacosta.com).

Outros artigos dende Lonxe de Montevideo

 

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).