As cartas do avó Pascasio: Un carancho non é unha torcaza

Moi querida neta Cristina: Fágoche chegar unhas liñas ao Calafate para tranquilizarte un pouco. Supoño que vendo a beleza do glaciar Perito Moreno sentícheste marabillada diante da beleza que atesoura a miña segunda patria. É obvio que che amargue a actual situación de desmellora total da convivencia na Arxentina. En tres meses fóronse ao tacho as conquistas sociais polas que se caracterizou a túa xestión durante 8 anos de progreso. Os meus anos na xenerosa beira rioplatense anímanme a expresar a miña convición de que a "cornudez macricida" é un mal pasaxeiro. Na miña traxectoria terrenal fun feliz nun país que se abría aos brazos que chegaban de Galicia. O arxentino é boa xente, asegúrocho con coñecemento de causa. A actual perda de sensibilidade débese a un bajón ---espero que transitorio--- no seu autoestima. Non é necesario consultar a Sigmund Freud para concluír que se queren moi pouco os que votaron a un candidato que nunca gañou un mango honradamente. Cóntoche que desde acá arriba teño unha visión bárbara. É case coma se fose camiñando polo barrio de Montserrat a morfarme aquel flor de cocido galego en "O Globo". Observei que o virus ataca sobre todo á clase media máis media. Neste sector detéctase o nivel máis baixo de autoestima. A ti non che querían porque eras filla dun colectivero pero encántalles o fillo dun empresario trucho que soamente de SEVEL debía a linda cantidade de 124 millóns de dólares. A clase media-media é a máis exposta aos vaivéns dos ciclos económicos. Hoxe ten un coche novo e mañá non ten para a nafta. Hoxe ten unha cociña eléctrica cun gran horno e mañá non ten para pagar a luz. Son os que intentan pagarche en 12 cotas unha licuadora pero gritan como tolos para que don Mauricio lle pague aos especuladores dos fondos voitre. É un virus fodido porque non te curas si non asumes que estás infectado. Ao carniceiro da esquina dille que o asado está moi caro pero é urxente que a escura sociedade financeira MNL cobre a guita que ti non quixeches pagarlle. Estes cidadáns afectados-infectados son os que teñen diante un carancho pero dinche que é unha torcaza. Explícao moi ben Carlos Heller: cada vez son menos voitres, cada vez son paxariños máis bos. Para a corporación mediática e para o goberno pronto serán pombas de paz. Non len nada que estea fose do guión oficial e por iso non analizan a opinión do gayego Jorge Rivas: Os fondos voitre constitúen a versión máis degradada do capitalismo. As súas ganancias non proceden da produción senón da corrupción e da usura. Non se lles debería de pagar nin un só peso máis do que cobrou o 93% dos acreedores que aceptaron a reestructuración da débeda soberana (2005-2010). Despídome. O tema é complexo e dá para moito máis debate. Non quero chegar tarde á explicación do compañeiro Díaz Pardo sobre as seis obras en bronce do escultor inglés Henry Moore que se exhiben, ao aire libre, na praza compostelana do Obradoiro. Recibe o agarimo do vello fonsagradino que segue estando presente na loita diaria dos nobres arxentinos que o abrazaron en irmandade. - PASCASIO FERNÁNDEZ GÓMEZ.  
  • Manuel Suárez Suárez. (mansuarez[arroba]quepasanacosta.com).
 

Outros artigos dende Lonxe de Montevideo

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).