Asinado o convenio que homologará o Camiño dos Faros nunha ruta de Gran Percorrido

Carlos Tasende e Xosé Regueira asinaron esta tarde no contorno do Faro Vilán o convenio de colaboración coa Deputación da Coruña O faro vello do Cabo Vilán foi o lugar elixido esta tarde para a sinatura dun convenio a través do cal a Deputación da Coruña financiará o plan de actuación necesarias para a homologación do Camiño dos Faros como senda de Gran Percorrido. Xosé Regueira - deputado de Turismo da Deputación da Coruña - e Carlos Tasende - presidente da Asociación o Camiño dos Faros -foron os encargados de asinar o acordo nun acto no que estiveron presentes alcaldes e representantes municipais de concellos que atravesa o Camiño dos Faros. Esta sinatura chega despois de se aprobase a medida no pleno da Deputación da Coruña do pasado 25 de outubro. A área de Turismo da Deputación e a Asociación o Camiño dos Faros escolleron o Cabo Vilán e a hora do solpor para rubricar un acordo que suporá o impulso definitivo á ruta que atravesa nove concellos da Coruña nun escenario dunha beleza única. A Deputación da Coruña achega, segundo o convenio, un total de 78.152,00 € - o 80% do total do orzamento que ascende a 97.686, 00€ - para financiar o plan de actuacións necesarias para a homologación como Senda de Gran Percorrido (GR) do Camiño dos Faros - unha petición que xa vén de longo.  
A sinatura tivo lugar esta tarde. Imaxe: Facebook Camiño dos Faros O deputado Xosé Regueira, lembra que desde a área de Turismo da Deputación da Coruña da que é responsábel, “confiouse desde o primeiro momento na fortaleza deste proxecto a nivel turístico e tanto é así que o pasado ano decidiu presentalo en Fitur, un dos máis importantes escaparates do sector, e a partir de aí comezou un periplo administrativo que remata agora coa formalización deste convenio que é fundamental para a súa consolidación, protección e promoción”. Agarda agora Xosé Regueira que “outras administraciónns que van ter que ditaminar sobre a homologación demostren o mesmo grao de compromiso cunha ruta de gran valor turístico, económico e patrimonial”. Aliciente económico Para o deputado de Turismo, o “Camiño dos Faros é agora mesmo un dos produtos máis recoñecíbeis de Galiza nos mercados tanto estatais como internacionais entre o público que busca o contacto co medio natural e o camiñar como forma de facer turismo”. Ademais, Xosé Regueira, recoñece a ruta como un “aliciente económico para unha comarca como a da Costa da Morte que ten potencial mais que precisa insistir na profesionalización do sector e na capatación de recursos foráneos ao territorio”. “O convenio significa que un proxecto que naceu hai cinco anos de forma voluntariosa recibe o recoñecemento dos nove concellos e tamén da Deputación que se implica na súa homologación. Para nós é un respaldo que consolida a ruta e asegura o seu futuro”, sinalan desde a Asociación o Camiño dos Faros. O obxectivo da entidade é que o “camiño exista formalmente e que o recorra moita xente mais co máximo respecto pola natureza. Nestes anos conseguiuse deseñar un camiño que non existía, promocionalo e que viñera xente de toda Europa en base a traballo social e moito voluntariado”, explican dunha ruta que non dubidan en definir como “espectacular, con moitísima variedade, como asegura a xente que percorre moitos camiños definidos, no Camiño dos Faros hai historia, arte patrimonio, acantilados únicos, natureza singular e unha paisaxe sobrecolledora”. Consideran así que a homologación converterá o Camiño en eixo vertebrador do turismo da comarca. No proxecto que financia a Deputación da Coruña inclúese a diagnose e estudo de definición da senda, a execución de intervencións como homologacións da Federación Galega de Montañismo ademais de topoguía, sinalización e panelización e, finalmente, estudo e execución das medidas e obras de acondicionamento. O Camiño dos Faros é unha ruta de sendeirismo de 200 quilómetros que une Malpica con Fisterra polo borde do mar. Atravesa un total de nove concellos da provincia da Coruña: Cabana de Bergantiños, Camariñas, Cee, Fisterra, Laxe, Malpica, Muxía, Ponteceso e Vimianzo. O Camiño dos Faros constitúe un patrimonio natural e cultural de gran valor, tanto como recurso turístico como na súa condición e elemento de dinamización socioeconómico. A actividade que financia o proxecto pretende converter a Ruta en Senda de Gran Percorrido (GR), o que mellorará o trazado e seguridade, a difusión mediática e o coñecemento por un maior número de persoas, permitindo unha valorización dun recurso natural do que participan nove concellos da Coruña.
No acto da sinatura estiveron presentes representantes dos municipios polos que discorre o Camiño dos Faros  

Novas relacionadas

O primeiro Camiño dos Faros por etapas (2013)

Fonte

  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
  • Deputación da Coruña