A asociación animalista Libera faciase eco onte da nova no seu perfil de Facebook
Dende onte, Carballo xa está declarada como "vila libre de circos con animais". Así o ratifica un acordo plenario subscrito na sesión do pasado luns 26 de setembro que saíu adiante cos votos a favor de BNG e PSOE, a abstención do PP e os votos en contra de TEGA. A moción, presentada conxuntamente por nacionalistas e socialistas, recolle o texto da asociación animalista Libera, na que se aproba a exclusión do municipio dos circos con presenza de animais. Segundo o exposto no texto "os circos usan aos animais como reclamo do público infantil". Por ese motivo "os pequenos e pequenas deste país, a sociedade do futuro, merecen unha educación baseada en valores que inclúan o respecto cara aos seres vivos e a contorna".
Xa que logo, a moción aproba "que o concello de Carballo non autorice, nin promova ou ampare a instalación de circos con animais no termo municipal; declarar o concello de Carballo vila libre de circos con animais; que o concello de Carballo non permita a instalación de publicidade de espectáculos circenses con animais no termo municipal". E, por último trasladar este acordo á Xunta de Galicia, a todos os grupos con presenza no Parlamento de Galicia e ao grupo animalista Libera. Nestes momentos máis de medio centenar de concellos de Galicia teñen subscrito este acordo pola defensa dos dereitos dos animais.
Co de Carballo, son xa 51 os municipios galegos declarados como "municipios libre de circos con animais". O BNG de Coristanco tamén presentou no último pleno unha moción relativa á prohibición de circos con animais.
Bonificacións do ICIO
Na sesión plenaria do luns aprobaronse as bonificacións do ICIO para tres empresas de Carballo
Por unanimidade, en cambio, saíron adiante as bonificacións no 95% do importe do ICIO - imposto sobre construcións, instalacións e obras - para a construción de tres naves industriais para outras tantas empresas no parque empresarial de Bértoa. As beneficiarias serán Novo Lar, que construirá unha nave de 2.069 metros cadrados nunha parcela de 4.174, cun proxecto de 484.406,52 euros e unha bonificación de 11.504,65 euros; Remifer, que nunha parcela de 2.904 metros edificará unha nave de 1.840 por 517.842 euros e conta cunha bonificación de 12.698,75 euros; e raxería Río Sil, que dun importe de 363.818,92 euros obtén unha bonificación de 8.640,70 euros. Trátase dun total de 32.844 euros de bonificación.
Cos votos a facor de BNG e PSOE, a abstención do PP e os votos en contra de TEGA aprobouse unha modificación da RPT - Relación de Postos de Traballo do concello de Carballo - na área de acción social; coa abstención de todos os membros da corporación, excepto o BNG, que votou a favor, aprobáronse en cambio tanto un recoñecemento extraxudicial de crédito correspondente a facturas pendentes do exercicio de 2015 por un importe de 8.344,66 euros; como a Conta Xeral de 2015, despois de superar os trámites burocráticos e o período de exposición pública.
Novas relacionadas