O xornalista carballés Manuel Rey Pan presentou o seu libro sobre a Ataxia SCA36 na Coruña

Imaxe da presentación de El mal sin cura de la Costa da Morte no Edifico Abanca
  • El mal sin cura de la Costa da Morte xa foi tamén presentado noutros puntos da zona como Cabana, Corcubión ou Carballo

O libro El mal sin cura de la Costa da Morte ampliou as súas fronteiras, chegando esta vez ata A Coruña onde os seu autor, Manuel Rey Pan, fixo unha presentación da obra. O evento celebrouse este mércores no Edificio Abanca, coincidindo co Día Internacional das Ataxias. Ademais, o encontro tamén contou coa presenza da doutora María Jesús Sobrido, escritora do prólogo do libro e investigadora da enfermidade, o recoñecido escritor Suso de Toro, coñecedor e participante doutros eventos relacionados coa Ataxia da Costa da Morte e a presidenta da Asociación Galega de Ataxias, Juliana Moscoso.

Previamente á presentación, a doutora Sobrido afreciu unha charla sobre as Ataxias onde explicaba aos asistentes diversos aspectos da enfermidade, así como as liñas de investigación que se están a seguir agora mesmo neste tema. Unha parte do público xa era coñecedora da enfermidade en cuestión, moitos deles pola súa vinculación directa á asociación, mais tamén descubriron outros moitos aspectos da historia da súa investigación cando menos curiosos.

Segundo explica o xornalista e autor do libro, un dos datos que adoita chamar máis a atención ao público é sobre todo a fase de investigación e o traballo de campo que realizaron os científicos. Ademais, en concreto, un dos datos que máis sorprende é a labor que fixo Ramón Moreira, un veciño de Cabana afectado pola enfermidade que contribuiu activamente na investigación, axudando a esclarecer algunhas incógnitas como a orixe da doenza ou a confirmación de que se trata dunha enfermidade xenética.

Con todo, segue a ser unha doenza descoñecida para todos aqueles “fora do núcleo cercano dos afectados”, afirma o autor. Nunha charla que tivo QPC con Rey, este comentaba que moita xente seguía a ter certas crenza erróneas en torno á enfermidade. “Hai quen cre que é cousa da endogamia, e en realidade non é iso”, explica o xornalista. Neste sentido, El mal sin cura de La Costa da Morte é unha boa forma de informar á poboación e ensinar como é realmente a enfermidade.

Onde encontrar o libro

Para todos aqueles que queiran descubrir máis en profundidade a historia da Ataxia SCA36 poden atopar o libro de Manuel Rey na web de Libros.com ou en librerías de distintos puntos da Costa da Morte. Algunhas delas son:

  • (Ponteceso) A tenda dos libros
  • (Carballo) Punto e Coma, Librería LER e Librería Brañas Verdes
  • (Vimianzo) Librería Roget
  • (Malpica) Librería Miguens
  • (Corme) Papelería Vidú e Kiosko de Inma