O “bicibús”, protagonista nunha nova edición da Semana Europea da Mobilidade en Carballo

Só o Concello de Carballo organiza actividade arredor da Semana Europea da Mobilidade na Costa da Morte. Un Concello que conta cun Plan de Mellora e xestión do espazo público e da mobilidade demostra unha preocupación que merece ser recoñecida. Este domingo 16 de setembro comezaba a Semana Europea da Mobilidade e Carballo celébrao, por terceiro ano consecutivo, cun completo programa dedicado a promover medios de transporte sustentables.

Ruta Ciclista por Sísamo pola Semana da Mobilidade en Carballo

Programa que arrincaba onte cun roteiro en bici por Sísamo, e que ten como grande protagonista ao Bicibús. A iniciativa consiste en organizar,coa axuda do Club Ciclista Carballo a un Paso, a Policía Local e os colexios, rutas en bici para que os nenos de 6º de Primaria vaian ao cole.

Os/as que se inscriban irán e volverán acompañados por monitores do Club Ciclista e axentes da Policía Local, porque, como apuntou Roberto Mosquera, “a seguridade é o primeiro”. Os colexios colaborarán habilitando un espazo para que os nenos e nenas poidan deixar as bicicletas ata a hora de saída, na que serán acompañados/as de novo ata as paradas establecidas previamente. En función do resultado desta primeira experiencia, o ano que vén podería ampliarse a outros cursos.

Unha iniciativa que se completa coa instalacións de varios aparcabicis durante o mes de agosto.

Máis actividades

A semana continuará cunha visita ao pontecesán Museo Etnolúdico de Galicia (Melga), con sede en Ponteces, no marco do I Festival de xogos e deportes tradicionais galegos. A xornada lúdica desenvolverase o martes 19 de 17.00 a 21.00 horas na Praza do Concello e rúas da contorna, con monitorado especializado e unha ampla oferta de actividades.

O mércores será día se seguridade viaria centrada na bicicleta. O xoves será a festa do Pedibús, esa singular iniciativa que permite que moitos nenos vaian a pé ao colexio formando un bus-cempés.

O venres haberá un paseo pola arte urbana que leva convertindo os muros de cemento de Carballo en verdadeiros lenzos para humanizar a vila.<(p>

Novas relacionadas

https://quepasanacosta.gal/carballo-preparase-para-a-semana-da-mobilidade-coa-instalacion-de-20-novos-aparcabicis/ https://quepasanacosta.gal/un-estudo-sobre-a-mobilidade-revela-que-carballo-rexistra-74-434-desprazamentos-diarios/ https://quepasanacosta.gal/unha-de-cada-tres-veces-que-usamos-o-coche-e-para-percorrer-menos-de-3-quilometros/