Time to say Goobye

A nosa existencia é unha sucesión de etapas. Cando tomei a (difícil) decisión de emigrar, pechei unha etapa de angustia e desesperanza para abrir outra de incertidume e renovadas ilusións. Dous anos e medio despois, e a piques de alcanzar a simbólica cifra dos 30, remata a miña aventura londinense e dá comezo un novo ciclo, que se aventura ilusionante e motivante a partes iguais. Gustaríame, pois, aproveitar este último artigo –que tamén pecha unha etapa- para compartir convosco o meu balance desta enriquecedora experiencia. Como podedes supoñer, tiven tempo neste período para vivir bos e malos momentos, para rir e para chorar, para sufrir e para ser feliz. Pero todos eles me serviron para enriquecerme e medrar como persoa, e tamén para facerme máis forte mentalmente (como se acostuma a dicir, “o que non mata, máis forza che dá”). Varios foron os acontecementos difíciles de sobrelevar: os falecementos de Julia (unha señora galega que me acolleu na súa casa por espazo dun ano) e Pat (unha compañeira de traballo que apareceu morta no seu cuarto en estranas circunstancias), o feito de ter que mudarme de vivenda ata en cinco ocasións, e mailos comentarios clasistas e/ou xenófobos que tiven que escoitar máis dunha vez. Varios foron tamén, nembargantes, os sucesos gratificantes que me fixeron sentir feliz: as mostras de compañeirismo e amizade nos momentos complicados, a asistencia a eventos culturais e deportivos que nunca antes imaxinara (para a memoria quedarán sempre, especialmente, o concerto de Il Divo, o partido de fútbol amigable entre Brasil e Chile, o musical “Thriller” e mailo espectáculo do Circo do Sol), e mailas visitas a lugares tan marabillosos como Bath ou Stratford-upon-Avon. Quixera, polo tanto, pechar este artigo e esta etapa dando as gracias a todos os que, periodicamente, adicades uns minutos a ler as miñas andainas en Londres. Tamén, malia que eles non poidan ler estas liñas, quero mostrar a miña gratitude a todas aquelas persoas que, durante estes dous anos e medio, compartiron a mesma viaxe. Gracias pola vosa compañía e polas vosas ensinanzas. Agora correspóndeme a min poñelas en práctica en España.
  • Paula García Costa, vimiancesa licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e co Máster en Formación do Profesorado pola Universidade da Coruña (UDC).

Artigos de Paula García Costa

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).