A Semana Santa instálase na #AxendaCostadaMorte
12 de abril de 2017 (20:30 h.)
Actividades de Semana Santa
- Mostra do Encaixe de Camariñas. Tradición e modernidade mestúranse na cita que converte á vila na capital do encaixe e da moda. O pavillón acolle dende hoxe e ata o domingo unha gran cantidade de actividades paralelas á propia mostra.
- Víndemo Ver de Carnota. Entre o xoves e o domingo terá lugar a VI mostra de promoción local de Carnota na que non faltará a artesanía ademáis das citas co deporte e coa música.
- Fisterra. Declarada de Interese Turístico, a festa da Semana Santa en Fisterra combina os actos relixiosos coa música. Así, ademais das distintas representacións e procesións no cartel tamén se inclúen as verbenas que terán lugar o sábado, o domingo e o luns.
- Iluminación fervenza do Ézaro. A iluminación nocturna regresa á fervenza do Ézaro os días 13, 14 e 15 de abril dende as 22 ás 23 horas.
- O Forno do Forte de Malpica amplía durante a Semana Santa o seu horario de apertura (xoves, venres e sábado abre de 10 a 14 e de 16 a 20 horas, e o domingo 15 poderá visitarse de 10 a 14 horas). Ademais, o concello programou estes días outras actividades paralelas.
- Vimianzo. O Castelo de Vimianzo, os Batáns do Mosquetín e os dolmens serán os protagonistas da Semana Santa Vimiancesa. O concello preparou para estes días un completo programa de visitas guiadas, visitas teatralizadas e demostracións en vivo.
Visitas teatralizadas
- O Castelo de Vimianzo énchese de vida estes días coas visitas teatralizadas que terán lugar venres (17 horas), sábado (17 horas) e domingo (13 horas). Ademais hai visitas guiadas todos estes días ás 11, 13 e ás 17 horas.
- As visitas teatralizadas volven ás Torres do Allo. Serán o venres e o sábado ás 13 horas e - ademais de estar abertas para todos os públicos - son gratuítas. O pazo amplía durante estes días o seu horario de apertura (de 11 a 20 horas) e ofrece un servizo de visitas guiadas.
Exposicións
- Castelo de Vimianzo. A fortaleza así como a súa mostra de artesanía ao vivo pódese visitar todos os días da semana en horario de 10:30 a 14 horas e de 16 a 19 horas.
- As Torres do Allo, en Zas, abren de 11 a 20 horas. Ademais, o pazo acolle unha mostra de pezas de Olería de Buño e ofrece visitas guiadas e visitas teatralizadas gratuitas.
- No dolmen de Dombate ofrécense visitas guiadas todos os días de 10:30 a 14 e de 16 a 18:30 horas.
- Exposición no Museo do Alemán. Do 12 de abril ao 1 de maio o Museo do Alemán (Camelle) acolle a exposición “Coidando o noso mar”, pola que se pretende sensibilizar á población da importancia de cuidar os recursos naturais. Na Semana Santa estará aberta de mañá e tarde.
- O pazo da Cultura de Carballo acolle a exposición fotográfica "Asunción, María e José" de Marcos Rodríguez. A mostra pódese ver ata o 23 de abril no andar -1 do pazo carballés de luns a domingo en horario de 17 a 21 horas.
Concertos
- Carnota. Dentro da programación do Víndemo Ver, inclúese o concerto que ofrecen este sábado Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre. A cita será ás 21 horas diante da casa consistorial.
Gastronomía
- Festa do Congro. Muxía celebra este venres a XXI edición da Festa do Congro que terá lugar nunha carpa situada no paseo marítimo.
- Xornadas gastronómicas en Vimianzo. Varios restaurantes da vila ofrecen ata o 28 de maio un menú especial que se enmarca dentro das Xornadas Gastrómicas Primavera 2017. O menú ten un custe de 20€ por persoa, coa bodega á parte. Para comer ou cear nestas xornadas de degustación é preciso reservar previamente.
- Festa da tortilla en Corme. Trece bares da vila participan este venresna ruta do pincho do Bocado Divino. Con cada consumición repartirán un bocado de tortilla gratis.
Festas
- Festas do Cristo en Fisterra. Paralelas aos actos litúrxicos, Fisterra vivirá esta fin de semana unhas intensas festas do Cristo. Os Satélites, París de Noia, Atenas, Alkar,... serán algunhas das orquestas que se subirán ao escenario entre o sábado e o luns.
- Romaría da Virxe do Monte. Camariñas celebra dende o venres e ata o luns a romaría da Virxe do Monte. As orquestas Ciclón, Trébol, Metrópolis, e outras disco móbil amenizarán as verbenas destes días.
- A parroquia muxiá de Trasufre celebra as súas festas de San Vicente este sábado 15 de abril, coa Aramio e a festa da codorniz e do churrasco.
Outras citas
- Un roteiro por Man. Este sábado, día 15, levaráse a cabo un roteiro duns catro quilómetros para coñecer o legado do artista. A saída é ás 10 horas do Museo de Man.
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)