Amancio Lavandeira: “É difícil facelo peor”

Con apenas 3 semanas no poder, queremos falar co novo alcalde de Coristanco por Terra Galega, Amancio Lavandeira. Despois de 24 anos de goberno popular, e co apoio de PSOE e BNG, TEGA afronta unha lexislatura de cambio.

Precisamente o alcalde coincide co edil do PSOE, Abraham Gerpe, en sinalar que “hai moito traballo por facer, pero o bo, ou malo, é que é difícil facelo peor”. Falamos co alcalde para analizar como vai este pouco tempo de mandato:

 

  • QPC: Como vai estas primeiras semanas de mandato a nivel persoal?:

 

Pois ben. Vou quedar sen as tradicionais vacacións de verán como docente, pero o Concello non está para collerse as vacacións que tiña como mestre no Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa, por certo, unha gran referencia na bisbarra e que seguro boto de menos nestes anos. Levo 25 anos traballando alí, seguiremos agora colaborando co centro, e espero volver. Iso si, necesito a miña media horiña para desconectar cada día ca familia, que é a que máis sofre este cambio.

 

  • QPC: Foron moitos anos de goberno popular… Cal cres que foi a gota que colmou o vaso e fixo que os veciños esixisen un cambio?

 

24 anos foron moitos anos, e ademais do desgaste evidente de tanto tempo no poder, creo que houbo dous acontecementos importantes: A suba dos impostos cun Plan de Axuste que afectou moito. E por suposto, o tema das imputacións, que en todo caso, son persoais e non van afectar a nivel municipal.
E por outro lado, penso que a xente valorou a nosa oposición responsable durante estes anos.

 

  • QPC: Que foi a primeira cousa que fixo ao recoller o bastón de mando?

 

O primeiro que fixemos foi xuntarnos co persoal municipal, aínda estamos nelo, e a verdade quedamos moi contentos coa disposición, a actitude positiva e responsabilidade de toda a xente.
Tamén nos toca facer un inventario de bens do Concello, pois non hai nada actualizado, e non sabemos nin cantos ordenadores tempos nin de cantos tractores dispoñemos.

 

  • QPC: Atopouse algunha sorpresa agradable ou desagradable ao abrir os caixóns?

 

Outra da primeiras cousas que fixemos foi abrir os armarios e os caixóns e ver que estaban baleiros. Pero estudando as contas, estaban moito peor do que esperabamos.
Hai unha débeda non contemplada de 1.650.000€, duplicando a última e aínda coas facturas de 2014 sen pagar.
Temos que centrarnos en maximizar recursos municipais como operarios, maquinaria… Porque estaba entrándose nunha dinámica de externalización moi cara para as nosas arcas.
Unha das medidas máis importantes que teremos que facer é en recorte de gastos, e sabemos que algunhas cousas non van ser moi ben recibidas pero que son necesarias. Por exemplo, o alumeado. Temos que retirar algúns puntos de luz municipais porque están situados en territorio particular, intentaremos reemprazalas por outras pero en zona municipal.
Outro punto grave é que o Concello non está a pasar o canon da auga dende 2014, polo que teremos que poñernos ao día para ir saldando estas débedas. Faremos un plan permitindo que os veciños poidan ir pagando os atrasos de 2 en 2 meses, pero vai haber que pagar todas esas cotas. Sabemos que para estas cousas cómpre informar correctamente aos veciños, polo que intentaremos facer unha boa campaña informativa do por que e o como.

 

  • QPC: Que tal a relación cos novos concelleiros do BNG e PSOE, que o investiron?

 

Moi ben. Temos uns obxectivos e prioridades moi semellantes. Nos aspectos fundamentais estamos dacordo. Para min é traballar con xente do meu equipo, e como hai tanto traballo, non teremos moito tempo para filosofar demasiado.

 

  • QPC: Cales son os seguintes pasos a dar?

 

Organizar. O que necesita o Concello é organizar. Tras 24 anos non existe un protocolo ou unha sistemática para pedir subvencións, unha previsión de ingresos e gastos… Estamos na terceira semana e xa se nota algo pero queda moito por facer.

Temos que poñernos a traballar en proxectos que estamos a piques de perder ou que están sen executar e hai que xustificar, como varios do POS como a Depuradora, un parque na Rocheira… Temos tamén que empezar ca campaña antiincendios, pois aínda non hai feito nin a selección de persoal…

O Saneamento é un dos grandes problemas de Coristanco, pois estamos sempre con denuncias por verquidos incontrolados aos ríos. Aí temos que dar un paso.
Ademais, o PXOM está a piques de saír do forno e a Xunta pode que a finais deste mes xa nos dea unha resposta.

 

  • QPC: Que necesita Coristanco a medio-longo prazo?

 

Coristanco ten que tender cara os servizos de calidade. O medioambiente ten que ser unha prioridade, e por exemplo estamos traballando nun servizo de Punto Limpo, é dicir de recolllida selectiva de lixo a domicilio.

E tamén temos que falar dos avances para a chegada do proxecto ndustrial de xeración de biocombustible a partir da plantación da batata. Esperamos que saia adiante. En principio a comunidade de montes, a propietaria dos terreos, xa aceptou, e nós apoiaremos un proxecto do que falan que pode chegar a crear 1.000 postos de traballo.

 

Novas relacionadas

 

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).