Carballo pecha o ano con 103 xornadas festivas
Case un de cada 3 días é festa en Carballo. Bueno, ese titular sería tendencioso, pois realmente houbo moitas solapadas. Pero 103 xornadas festivas nun ano, e sen contar o San Xoán, xa lle chega.
O Concello, que nos fai unha boa radiografía de como se desenvolven as festas, xestionou 64 permisos para a celebración das festas. Do total dos permisos, 39 foron para a celebración de festas de carácter patronal, que se traduciron en 78 xornadas de festa nas parroquias e no casco urbano; e 25 festas populares (gastronómicas, de asociacións, etc.) que supuxeron outras tantas xornadas de festa para sumar o total de 103.
Por meses, agosto
Atendendo aos datos por meses, durante o verán é cando se rexistra máis actividade, con 10 xornadas festivas, das que cinco foron patronais (5 días) e cinco festas doutro tipo (5 días) en xuño; 19 xornadas festivas, con 8 festas de carácter patronal (13 días) e 6 festas doutro tipo (6 días) en xullo; e 37 xornadas festivas, con 12 festas de carácter patronal (29 días) e 8 festas doutro tipo (8 días) ao longo do mes de agosto.
Documentación para a solicitude
As solicitudes de permiso deben ir acompañadas da documentación que esixe a lei, e nelas inclúense os diferentes servizos que o Concello pon a disposición das entidades para a boa marcha das celebracións e que inclúe servizo de colectores, de limpeza, de colocación de infraestrutura e de alumeado festivo. No caso do servizo de colectores, hai que mencionar que Urbaser, a empresa concesionaria do servizo de recollida de lixo, recibiu 62 solicitudes para a colocación de colectores con motivo das festas que supuxeron a mobilización de 426 unidades, das que 35 foron colectores de vidro. Isto supuxo a realización de 124 viaxes para colocar e retirar as unidades antes e despois dos festexos.
Cando o permiso inclúe botar fogos, a lei establece que cando a cantidade é superior a 10 quilogramos, hai que pedir permiso á Delegación do Goberno, sendo competencia municipal cando a cantidade é inferior a 10 quilos. No Concello presentáronse este ano 39 solicitudes de permisos. Así mesmo, a Concellaría de Cultura promove un acordo coas diferentes formacións musicais de Carballo a través do Convenio Musical, polo que se subvencionaron un total de 17 actuacións para 32 festas non patronais.
De limpeza
Respecto do servizo de limpeza (que se realiza antes, durante e despois da festa) e que realiza Aspaber-UTE, houbo 58 solicitudes, que supuxeron un mínimo de 116 días de servizo, aínda que hai que que ter en conta que moitas das festas patronais poden durar ata seis días e precisan máis de dúas xornadas de limpeza. Para o servizo de préstamo de diferente equipamento, contabilizáronse 53 solicitudes de valados; 19 solicitudes para sillas; 5 solicitudes de taboleiros e cabaletes; 3 solicitudes de palco; 110 solicitudes para módulos de escenarios e 13 solicitudes para sinais de trafico.
A Brigada de Obras é a encargada de levar e recoller os valados e os sinais dos lugares da festa, o que supuxo 98 servizos. Hai que ter tamén en conta que nalgúns casos hai que retirar puntos de luz ou bancadas e logo volvelos a poñer para poder colocar a infraestrutura necesaria para a festa. Respecto do alumeado festivo, houbo 21 solicitudes para colocar ata 123 arcos de luz, un labor que desde a nova concesión do servizo leva a cabo Ferroser.
Fonte
- Nota de prensa de Belén Lendoiro, Concelleira de Festas.