Cita doble coa #Axenda desta fin de semana en Carballo onde a música será a principal protagonista do programa Venres Cultural.
A primeira das citas é mañá cando volve a cita anual cos grupos de música máis vivos do panorama musical de Carballo e Bergantiños: o Rockarballo. Este concerto consolídase cada ano como unha cita imprescindible para os seguidores dos xéneros máis variados como o rock & roll, pop, soul-blues e música electrónica que se farán ouvir no pazo da Cultura con ese característico estilo que ofrecen as bandas de Carballo, desde as máis alternativas a outras de carácter máis clásico.
No concerto de mañá actuarán as bandas Lowcos, Sonseis+, Dude, Killer Cats e, pecharán o concerto, The Cerne. O espectáculo dará comenzo ás 21.00 horas no auditorio do Pazo da Cultura e está dirixido a todos os públicos, amantes e curiosos da música. A entrada é de balde até completar aforo. Rockarballo é unha oportunidade única para tomarlle o pulso e escoitar a evolución e creatividade destas agrupacións así como á música que interpretan. Unha aposta pola diversidade melódica na que, versións de cancións xa coñecidas e novos temas de sinatura propia, completan o programa.
Aniversario das Cantareira de Arume
Xa o sábado, día 27, será a quenda da música tradicional. Con motivo do 25º aniversario do nacemento do Grupo de Cantareiras de Arume, a formación ofrece cun espectáculo musical e visual da súa traxectoria no mundo da cultura e da música tradicional. Nesta celebración, as mulleres e homes, que agora forman parte desta agrupación, realizarán un percorrido pola súa vida artística e persoal, onde haberá tempo para as lembranzas, os saúdos, os sorrisos e, como non, a música e o baile. O grupo de Cantareiras Arume botou a andar como tal a partir do ano 1990 en Berdillo, integrado por algunhas compoñentes do coro infantil e da escola de pandeireta da Agrupación Cultural Arume. Desde ese momento, foise forxando a identidade dun grupo pioneiro na comarca de Bergantiños dedicándose, xunto a outros, á recuperación, conservación e difusión do patrimonio musical. Froito de todos estes anos de traballo, as Cantareiras de Arume recolleron numerosos premios e mencións, outorgándolles o recoñecemento e o respecto do público e dos compañeiros. No ano 2005 editaron, como Cantareiras de Berdillo, o cedé "Sospirei boitei un aiç".
O acceso a este concerto, que organizan As Asociacións Cultural e Xuvenil Arume e co que colabora o concello de Carballo, será de carácter gratuíto até completar o aforo do auditorio do Pazo da Cultura e dará comezo a partir das 21.00 horas.
Novas relacionadas