O territorio da Costa da Morte estará presente na Bienal de Venecia

Presentación no Faro Vilán da presencia costeira na Bienal de Venecia

A provincia da Coruña estará representada en clave de Costa da Morte na 15ª Exposición Internacional de Arquitectura da Bienal de Venecia. A proposta do estudio de arquitectura costeiro Creus&Carrasco foi a escollida pola Comisión de Cooperación, Plans Provinciais xerais, Asistencia a concellos, Turismo e Patrimonio Histórico-Artístico, o que permitirá que a promoción da nosa bisbarra na famosa mostra italiana, creada en 1980 coa misión de exhibir e desenvolver propostas, así coma ofrecer unha ferramenta para a práctica innovadora no contexto urbano nacional e internacional.

Así o anunciou Xose Regueira, Deputado de Turismo, onte no Faro Vilán, nun acto xunto co propio Juan Creus, e Maria Veiga e Ignacio Sanchez, do estudo Elsa Urquijo.

Os dous arquitectos do estudo de arquitectura Creus&Carrasco, foron os únicos arquitectos invitados a participar de toda a provincia.
A súa participación consistirá en ocupar unha sala dun dos palazzos para mostrar un dos xeodestinos da provincia da Coruña: A Costa da Morte, mediante o uso de vídeo (con imaxes en movemento de patrimonio arquitectónico e natural, expresado en industrias pesqueiras tradicionais, enclaves de portos, faros, praias, mar, terra…), fotografía, debuxos e maquetas.

O proxecto titulado "Transitions in context", define a relación da arquitectura e territorio nun contexto. Recolle, segundo explicou Juan Creus, proxectos construídos e deseñados para o espazo que vai desde Malpica a Louro e xoga coa relación de elementos de mar e terra. A partir dun plano en que sitúan as súas obras tiran unhas pautas en que aparecen as referencias do territorio e as súas obras inseridas. A maqueta de 2x1,40 m componse dunha base de tiras que representan o territorio con imaxes nas que se encastran unhas pezas cos proxectos do estudo que se cruzan coas referencias do territorio. A lonxa de Fisterra, vivendas de Louro, Quilmas, Cee ou Corcubión, o albergue Bela Muxía e a Casa Chao en Corcubión son algúns dos proxectos que se exporán na maqueta que foi tamén elaborada na Costa da Morte.

O arquitecto Juan Creus agradeceu á Deputación o apoio para levar un traballo que, segundo definiu "explica non só as nosas obras senón o territorio da Costa da Morte xa que a arquitectura resolve un problema que está no contexto. A nosa proposta dilúe territorio e arquitectura para xuntala", dixo. Considerou, "unha grande oportunidade pola súa inmensa difusión" non só para o traballo do seu estudo senón para a Costa da Morte en que se insiren.

Gran repercusión

Centos de miles de asistentes adoitan acudir á exposición durante os meses que está vixente, dentro do que é a exposición internacional de arte máis antiga do mundo, procedente do século XIX e, polo tanto, con máis de cen anos de percorrido. A Bienal de Venecia é o máis grande escaparate da arquitectura europea.

Ademais dos visitantes que acudan á Bienal de Venecia, a repercusión mediática desta acción verase incrementada pola edición dun catálogo sobre o traballo de 370 páxinas con 10.000 unidades publicadas e a emisión de 35.000 invitacións para os eventos que terán lugar dende a inauguración en Maio ata o seu peche en Novembro de 2016. Todo isto, sumado a unha afluencia de visitantes que se estima en torno aos 150.000, converte á Bienal de Venecia 2016 nunha extraordinaria oportunidade para o interese provincial.

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).