O xalleiro Paco analiza a política actual
Interesantísimo o proxecto socioeducativo que está realizando a alumna da USC Yolanda García Suárez. Yolanda está traballando con Paco Vilas, un mozo de 30 anos de Tarroal, na parroquia de Freixeiro, en Santa Comba, que ten Síndrome de Down e que adora a política. Por iso proxecto pretende fomentar o desenvolvemento de habilidades sociais de Paco, a través da política.
”Paco e a análise política actual” é o título deste proxecto que xorde a raíz da materia “Acción Socioeducativa nas Discapacidades” impartida no terceiro curso do Grao en Educación Social da USC polos docentes Yesshenia Vilas Merelas e Miguel Ángel Zabalza.
O traballo nace con tres obxectivos: o desenvolvemento das habilidades sociais da persoa voluntaria; que os estudantes de Educación Social se acheguen ao ámbito das discapacidades dunha maneira orixinal, creativa e valente; e que a sociedade vexa que porque unha persoa teña algún tipo de discapacidade non por iso deixa de ser capaz de realizar un montón de cousas, como neste caso unha análise da política, que sempre é un tema complexo.
Paco e Yolanda son os protagonistas deste proxecto
Paco é un gaiteiro de primeira
Cada alumno escolle un voluntario, e neste caso, o xalleiro Paco é o noso protagonista. A propia Yolanda cóntanos como vai a cousa:
Paco é unha persoa moi alegre, moi sociable, que coñece a un montón de xente coa cal se relaciona día a día; sobre todo, aqueles que o coñecen, sempre destacan del que é un amante da política. Por esta razón, o noso proxecto xira entorno a esta temática.
A pesar de que Paco se relaciona con facilidade, cústalle un pouquiño levar a cabo conversacións con persoas descoñecidas, polo que para traballar no relativo a mellorar as súas habilidades sociais decidimos levar a cabo un proxecto que consistise en realizar unha serie de entrevistas a varias persoas xalleiras vinculadas ao mundo da política ou non, realizándolles preguntas acerca da situación española política actual.Logo de realizar conxuntamente as entrevistas entre os dous, decidimos saír á rúa e entrevistar a varias persoas de Santa Comba. Entrevistamos a varios personaxes políticos que están actualmente ou no pasado estiveron no goberno, á directora do centro Barrié de la Maza, á responsable da librería Ler, a familiares de Paco…A realización deste proxecto deume a oportunidade de poder coñecer a Paco, de vivir moitos momentos con el, e penso que si lle axudou moito no referente a mellora das habilidades sociais, de feito pódese apreciar un gran avance das primeiras ás ultimas entrevistas. Ademais penso que serve para sensibilizar a todas as persoas acerca de que aínda que Paco teña unha discapacidade intelectual pode desenvolverse perfectamente na vida diaria e incluso no ámbito da política, que é un campo moi complicado e extenso.Na realización das entrevistas observamos, nalgúns casos, actitudes negativas cara as persoas con diversidade funcional. Comentarios como que por ter algunha discapacidade eres inferior aos demais ou que iso che vai a impedir razoar con liberdade. Este proxecto ademais de ter como finalidade axudar a mellorar as habilidades sociais de Paco gustaríanos que se difundise para poder facerlle ver a todas as persoas que o feito de ter algún tipo de discapacidade non inflúe para nada na vida diaria das persoas, debemos deixar de lado as etiquetas e comezar a observar o mundo dende outro punto de vista.