Queremos galego explicou en Bergantiños os porqués da manifestación do 17 de maio en Compostela

Queremos Galego en Bergantiños

A plataforma Queremos Galego repartiu centos de folletos en Carballo para animar á veciñanza a se sumar á gran manifestación na defensa do idioma galego que baixo o lema de "En galego día a día" percorrerá as rúas de Santiago de Compostela o vindeiro 17 de maio, con saída da Alameda ás 12 do mediodía até chegar á praza da Quintana.

  Os integrantes da plataforma denunciaron que "non se avanza cara a normalización da nosa lingua, senón en sentido contrario, cara á súa desoficialización". As integrantes da plataforma criticaron o "Decretazo contra o galego" que desde 2010 "barreu o galego nas escolas infantís das cidades galegas" fomentando así o descoñecemento da lingua propia de Galiza entre as crianzas" onde son privados de escoitar a súa lingua pois ademais "a porcentaxe de programación en galego na TV é ínfima".

  Do mesmo xeito denunciaron que "as materias científico- técnicas seguen a estar prohibidas en galego", trasladando así a idea de que o galego non vale para a ciencia, “o cal non fai senón afondar aínda máis na diglosia, un terreo moi perigoso para o futuro de calquera lingua".

  A ausencia do galego nos medios de comunicación tamén foi tema de críticas: "o galego é a única lingua oficial de todo o estado español que non conta cun xornal diario impreso" e  "ver un filme en galego no cine é misión imposíbel".

  Así mesmo, lamentaron que o Partido Popular no goberno da Xunta rexeitase a toma en consideración da ILP - asinada por máis de 28000 persoas - presentada pola Mesa pola Normalización no Parlamento Galego, para que quen así o solicitar puider ser atendido en galego: "no mellor dos casos a nosa lingua aparece subordinada", manifestaron.

  "Todos os estudos e datos oficiais mostran que galego se encontra na peor situación da súa historia en canto ao número de falantes; se na difícil situación en que se encontra a lingua galega, desprotexida e sometida á intemperie dos prexuízos, o goberno galego non toma    medidas ao seu favor, é que realmente o que quere é devolver o galego aos séculos escuros e completar o proceso de substitución lingüística encetado hai máis de cincocentos anos e aniquilala definitivamente", afirmaron desde a plataforma comarcal.

  A sección de Queremos Galego na na zona anima a manifestarse "por unha lingua prestixiada e respectada" fronte a quen quere un galego "estereotipado e diglósico". Polo dereito a vivir "en galego día a día", as 24 horas do día, os 365 días do ano. o 17 de Maio estaremos na Alameda compostelá ás 12 do mediodía.

Fonte

Queremos Gamego