Unha mestra da literatura galega, pregoeira da XXXVI Festa da Pataca de Coristanco

Xa non queda nada para a XXXVI Festa da Pataca. O vindeiro domingo 18 de setembro a raíña dos tubérculos bergantiñáns tomará as rúas de Coristanco nunha das festas gastronómicas máis lonxevas da comarca de Bergantiños. E xa imos coñecendo cousas sobre a festa, como neste caso, a pregoeira de excepción: Mercedes Queixas Zas.

Nada no concello da Laracha, a vinculación de Mercedes co concello coristanqués vén dada pola súa profesión de docente de Lingua e Literatura Galegas, desenvolvendo en Coristanco boa parte da súa carreira profesional desde que entrara a fomar parte da comunidade educativa do CPI Alcalde Xosé Pichel no ano 99, pouco despois da inauguración do edificio de Secundaria, após a implantación obrigatoria da ESO. Ao longo dos dezasete anos que leva de docente en Coristanco, polas súas aulas pasaron centos de adolescentes aos que intentou transmitirlles o seu afecto polo rural e a defensa dos nosos valores e tradicións.

Alén do seu labor docente, desde o 2005 forma parte do equipo directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e froito do seu traballo investigador ten publicado varios ensaios relacionados fundamentalmente coa literatura galega e os seus escritores. A súa última publicación foi a biografía de Manuel María Labrego con algo de poeta, autor homenaxeado nas Letras Galegas deste ano.

Para coñecer un pouco máis a Mercedes Queixas, nada mellor que ler a pequena autobiografía que podemos ver na súa páxina da Asociación de Escritores en Lingua Galega e onde queda clara a súa vinculación e defensa do rural: “Lembro un medio rural vivo, útil e, por tanto, necesario para as persoas que o traballaban, que iniciaban e remataban nel o ciclo vital. Un medio rural onde as persoas vivían cara á terra, nunca contra a terra”.

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).
  • Concello de Coristanco.