Descobre as Terras do Xallas coa nova Ruta BTT
Moito están a crecer as propostas para sacar ás bicicletas á montaña na Costa da Morte. Se estes últimos anos as propostas vimiancesas e carnotás eran das poucas que había, este ano Dumbría e Mazaricos xa puideron corroborar do tirón que xeran. E aí está o Concello de Santa Comba organizando a Ruta BTT As Terras do Xallas.
A proba, que se celebrará o 1 de maio, será un gran escaparate turístico para a zona. Ademais, a ruta percorre lugares simbólicos do termo municipal xalleiro, como o nacemento do Xallas, as fervenzas de Castriz ou Barilongo, unha mina que foi un enclave estratéxico na II Guerra Mundia.
Éxito de participación asegurado
Ademais, será, de seguro, un novo éxito de participación pois ata a semana pasada, cando a campaña publicitaria da proba só limitouse a foros de internet e ao "boca a boca", a lista oficial de inscritos é de 210 participantes que proceden de municipios tan diversos como Outes, Cee, Laracha, Muxía, Camariñas, Negreira, A Baña, Ames, Arteixo, Mazaricos, Carballo, Santiago de Compostela, Ponteceso, Cerceda, Dumbría, Vedra, Vimianzo, Brión, Carnota e ata Betanzos...e por suposto Santa Comba.
O prazo de inscrición segue aberto ata este luns 25 de abril ás 14:00h.
Características da ruta
A distancia total da ruta é de 40,5 quilómetros dos cales só o 5% é por asfalto. A dificultade estableceuse en media aínda que a zona da mina de Barilongo sen chegar a considerarse de dificultade alta, se é técnica e fisicamente esixente. Por iso establecéronse dous trazados alternativos para os participantes que desexen evitar totalmente, ou en parte esta zona. Un deles reduce a distancia total percorrida en 11 km e outro en 6 Km. Todo o traxecto estará sinalizado controlado e non pechado ao tráfico, polo que se deberá respectar as normas de circulación legalmente establecidas. Aínda que se poderá requirir avituallamiento en calquera momento e asistencia en ruta, existirá un punto de avituallamiento sólido e líquido fixo no punto quilométrico 21, ecuador da ruta, situado na área recreativa de San Salvador á beira da igrexa e palco da música.
A ruta combina todo tipo de firmes desde asfalto ata camiños en desuso, devasa e zonas pedregosas, pasando por zahorra, terra, herba, carreiros e todo tipo de trialeras en zonas rurais e forestais. A ruta terá como principal reclamo o río Xallas e a Mina de Barilongo, contornas polos que discorrerá o 50% do trazado e zonas de vital importancia, non só para o municipio senón ata, no seu momento, para o devir da historia mundial.
O río Xallas nace en Santa Comba, moi preto do punto intermedio número sete da ruta e divide o municipio en dous deixando unha parte norte e outra sur e logo de cruzar municipios como Mazaricos e Dumbría desemboca no Ézaro. Ata a súa canalización por unha hidroeléctrica nos anos 80 tiña a honra de ser o único río de Europa que desembocaba en fervenza cara ao mar, feito que agora só sucede en épocas de continuas e copiosas choivas ou en fins de semana en concreto da época estival con fins turísticos. É un importante rio truchero na provincia. A ruta discorrerá case en paralelo ao río nun gran tramo desde o seu nacemento ata a zona de San Salvador na zona norte de Santa Comba Os ciclistas circularán ata en tres ocasións por pontes sobre o rio ou sinxelamente vadeándolo coas súas bicicletas todoterreo. Circularán así mesmo pola zona natural coñecida como "As Fervenzas de Castriz".
Barilongo, algo máis que unha mina. Enclave estratéxico na II Guerra Mundial, das Minas de Barilongo en Santa Comba saía o volframio que se destinaba á construción da artillería pesada do exército nazi, as Panzer Divisións do Terceiro Reich alemán. Tamén saía o que se destinaba ao exército aliado, comprado por medio dos ingleses, que non o necesitaban, pero que o adquirían dentro da estratexia de desabastecer aos nazis. O volframio xalleiro tamén foi moi importante na guerra de Corea. Na ruta bordearase todo o enclave da mina onde se poderá apreciar construcións que aínda se manteñen en pé como a polvoreira, ou as balsas de lodo que dan a aparencia de lagos azuis, na actualidade acompañados de numerosos aeroxeradores. Ascenderase ao mítico monte de Barilongo, a cima da mina e punto máis alto da ruta a 528 metros de altitude no km 31, desde onde se divisa gran parte da zona norte do municipio de Santa Comba (dos máis grandes de Galicia cunha extensión de 203,1 km2), parte de Coristanco, Tordoia, Val do Dubra e Zas. Na zona chegaron a traballar 4.000 persoas, e é onde centenares de mineiros que se dedicaban ?A Roubeta? (extraperlo de volframio) deixaron as súas vidas vítimas dos tiroteos dos carabineros do réxime franquista que con celo trataban de cumprir os compromisos de Franco con Hitler. O descenso da montaña é espectacular. Descenderase 172 metros de altitude nuns 3 km onde os ciclistas poderán alcanzar velocidades de ata 45 Km/h, ata superalas.
O percorrido estará controlado e non pechado ao tráfico, polo que todos os participantes están obrigados a cumprir as normas de seguridade viaria legalmente establecidas, especialmente o uso do casco, e sendo os únicos responsables das infraccións que puidesen cometer.
Inscricións
Gratuíta. A data límite de inscrición queda fixada no luns 25 de abril. Esta deberase realizar mediante chamada telefónica á Oficina de Deportes - Edificio Multiusos. Rúa Fachendosos Enriquez s/n. Teléfono 981 818710 en horario de 10 a 14 horas de luns a venres. Deberase indicar: Nome, apelidos, idade, nº DNI, data de nacemento, dirección, teléfono fixo, teléfono móbil e correo electrónico.
A organización ten a disposición dos participantes ou interesados en participar un libro de ruta detallado, tanto gráfico con planos, posicións GPS e localizacións en google Earth como descricións detalladas de cada tramo e puntos intermedios.
Datos de organización
A cita está organizada polo Concello de Santa Comba coa colaboración dos seus servizos de cultura, deporte, educación, mocidade, eventos e certames, que dirixe o concelleiro D. Javier Facal Calvo. Conta co apoio de afeccionados locais á BTT e a colaboración e patrocinio de Pepsi Cola, Vodafone, Motos López e Hobbykart Indoor entre outros. A organización porá a disposición dos participantes numerosos servizos de apoio como Policía Local, Protección Civil e un número indeterminado de quads e motos, así como servizos sanitarios, avituallamiento en ruta, coche escoba, vestiarios, duchas, limpeza de bicicletas e ata un seguro que inclúe gastos sanitarios ilimitados en centro sanitario privado concertado. Así mesmo estase tramitando a mobilización de medios técnicos e humanos de corpos sanitarios e de seguridade do estado.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).