Mola Nazo

O pequeno extremo, retornado do Soneira campión de Primeira, é unha das chaves do xove e sorprendente Camariñas, que ven de tumbar a Ponteceso e Baio
Nazo, explotando unha das súas virtudes, o desborde Se a Costa da Morte fose a Terra Media do Señor dos Anillos, seguramente case todo o mundo coincidiría en sinalar, xa só por un tema xeracional, a Vicente Carril coma o Gandalf do fútbol (para os que discrepen vale Manolín coma Saruman). Pois ben, nesa metafórica reconquista do anillo por parte do mago camariñán-medio ninguén encarnaría mellor a figura do valiente hobbit que Martín Tajes Sar (Camariñas, 1993), o novo 'Nazo Bolsón'. Pequeno, escurridizo e talentoso, con experiencia noutras batallas (ven de ascender co Soneira a Preferente), é o mellor exemplo da renacida ilusión na Vila do Encaixe, e tamén un aviso a navegantes: pode que as vitorias contra Ponteceso e Baio non foran sorpresas, senón presentacións en sociedade. Aos seus 23 anos, hai un abismo entre o Nazo que sorprendera a todos coa súa lilupitiense habilidade e o xogador con táboas que ten retornado. De feito, exerce como unha sorte de veterán dentro dun dos grupos humanos máis xoves de toda a categoría. Desequilibrante como poucos, ten gañado sentido colectivo e versatilidade. E tamén cabeza á hora de analizar o mellor momento do Camariñas nun lustro. "Hai que ter os pés na terra, isto acaba de comezar, temos un equipiño moi novo e desde dentro só pensamos en mellorar e poñerllo difícil aos demais, para nós, que o nome de Camariñas empece a soar de novo xa é un bo comeza", advirte o futbolista, consciente tamén dun dos grandes peros tradicionais do seu equipo: a irregularidade. "Son varios os factores que levan a iso, como a idade, o traballo, o exceso de confianza e mesmo os famosos talonarios, que fan que teñas bos xogadores pero non boas plantillas, aínda que agora iso do talonario acabouse; tanto podías vencer tres ou catro partidos seguidos como perder os cinco seguintes, pasar de levar unha liga a descender", lembra. Aínda en plena eclosión e evolución, cun mundo novo por descubrir chamado Preferente e a confianza do corpo técnico, Nazo pegou un volantazo o pasado verán e abandonou o Soneira para retornar a casa. Eses dezaoito kilómetros que separan Vimianzo de Camariñas son tamén unha autopista de traspasos nas dúas direccións, e mesmo en repetidas ocasións, que neste caso o extremo decidiu dar futbolísticamente costa abaixo cun certo sentido romántico do deporte. "Nin eu mesmo sei moi ben por que, non foi unha decisión sinxela, xa que veño de vivir dúas tempadas incribles co Soneira, nas que tódolos calificativos quedarían curtos, pero un dos motivos foron os estudos, que me impiden baixar adestrar, e por outra parte a insistencia e confianza que me transmitiu Rosqui foron fundamentais; estou moi feliz de xogar por primeira vez na Liga da Costa, no equipo de meu pobo", destaca Nazo, que ten claro o segredo non tan segredo do éxito. "A chave está no grupo, ademais de ser todos do pobo somos amigos, e iso sempre facilita as cousas á hora de traballar; somos un equipo moi novo e temos moita marxe de mellora, pero fáltanos esa pequena veteranía que fai que leves os puntos que marcan a diferencia", engade. Precisamente para iso, para marcar a diferencia, chegou este 'hobbit' cun certo sentido diabólico do xogo e que está a ser un deses moitos encargados de que o anillo único da Liga da Costa pareza estar nun eixo formado por Muxía, Camariñas ou Fisterra, a Terra Media 'pesca' tan de moda nos últimos meses.