Que non son xigantes!
26 de agosto de 2016 (21:38 h.)
Xallas, Soneira e Sofán inician unha das Preferentes máis igualadas que se lembran, con case cen participacións en Terceira entre algúns dos máis históricos clubes do balompé galego
O Soneira retorna a Preferente dous anos despois
Presentará a Costa da Morte tres representantes nunha Preferente que, coma cada ano, dalle o pistoletazo de saída ao fútbol autonómico. O permanecido Xallas, así como os gloriosamente ascendidos Soneira e Sofán, levan o nome dunha zona na que de sobra é coñecido o seu respaldo social, pero que por outra banda palidece á hora de bucear no currículum dos adversarios. Os ascensos e descensos teñen debuxado un panorama que deixa a categoría cunha das edicións con máis lustre histórico nos últimos anos, así como cunha maior presencia de trasatlánticos ambiciosos que obrigarán, de seguro, a un rendemento óptimo para a representatatividade a máis alto nivel.
Un paseo pola nómina de clubes da categoría deixa unha estatística terrible, con máis de cen presenzas en Terceira División entre varios dos históricos. Basta botar unha ollada polo percorrido dalgún deles. O Club Lemos, representante dun pobo de vinte mil habitantes, ten pasado 51 cursos en categoría nacional, incluído algunha promoción de ascenso. Algo máis da metade comprende a traxectoria do Betanzos, que con 28 cursos por Terceira e unha histórica desputa de play off baixo a dirección de Brizzola (cos Gilsanz, Juancar, Ricardo e compañía), representa a case quince mil brigantinos. Pero se de poboación e influencia nun área urbana falamos aí non hai que lle tosa ao Atlético Arteixo, a quen a pasada campaña se lle esfumou o título no último suspiro, e que coa estrea de Marcos Suárez no banco tentará recuperar o escalón perdido hai unha década. No 2005 o Castilla le rendía visita en Segunda División B. Sporting Sada ou Noia entrarían tamén nesa nómina de xigantes en vías de desenrolo e reconstrucción, e que fan dos costeiros un incipiente desafío á lóxica histórica.
Malpica, Fisterra e as variacións de Xallas e Santa Comba son os únicos clubes 'patrios' que teñen saboreado esa realidade, e cómpre a histórica reflexión que conecta, en certa medida, con algunhas ligas do fútbol profesional: en que punto se perde a correlatividade entre importancia e seguemento social respecto ao éxito deportivo? O Barbanza, máis poboado e industrializado, ven de sufrir recentemente unha crise semellante, na que o Boiro transitaba por Preferente, o Noia por Primeira e Riveira e Puebla por Segunda Autonómica. Negatividade aparte, tanto Xallas como Soneira ou Sofán, polo menos, teñen amosado unha madurez deportiva que invita á confianza. Chegan cunha premisa quixotesca: non son xigantes, son só equipos de fútbol.