Máis de cen xogadores e xogadoras de toda a comunidade daranse cita este sábado en Santa Comba
O pavillón municipal de Fontenla vivirá este sábado - 12 de novembro - a festa do Cachibol Galego. Así, máis dun cento de xogadores e xogadoras daranse cita en Santa Comba para xogar a este deporte onde prima o xogo limpo e a amizade. Esta xuntanza chega á localidade xalleira despois do seu paso por Vigo e Ourense.
O cachibol é un deporte único en Galicia dentro de España e de Europa. Só en México existen competicións reguladas e encontros de diversas ligas por idades. Este singular deporte foi importado por Antonio Piñeiro, mestre de Educación física vigués, que o coñeceu nunha viaxe a terras aztecas. Con posterioridade, extendeuse na comunidade a a través de distintas iniciativas de entidades públicas e asociativas, ainda que agora tan só pervive na área metropolitana de Vigo, en Ourense, e na provincia da Coruña en Mesía e en Santa Comba.
Regras de xogo
Este deporte ten súas regras propias, coa especial mención a que o resultado ideal é o empate, porque o grande da actividade é o proceso, o feito de xogar e relacionarse a través dun balón e de dous equipos que xogan xuntos, non en contra. O deporte aseméllase ó voleibol, aínda que coa posibilidade de coller o balón coa man, e sin poder empregar unha forza excesiva. Trátase de empregar a imaxinación, a coordinación e os enganos corporais, para conseguir que o balón caia no campo do oponente.
En Santa Comba iniciouse esta deporte a través dun programa da Xunta de Galicia no ano 2008. A partir do ano 2009, o concello asumiu o cachibol como actividade dentro do seu programa, que regularmente reune a máis de 40 persoas no pavillón municipal xalleiro dous días á semana. As xogadoras e xogadores xalleiros participaron en diversos encontros a nivel autonómico en Ourense, Vilalba e Vigo en dúas ocasións, onde manteñen unha gran relación coa asociación deportiva Xogara, que difunde esta actividade en diversos centros e organizacións da capital olívica.
Horarios
Para este sábado está previsto que xoguen simultáneamente en diversos campos instalados na pista de Santa Comba 30 xogadores de Ourense, 20 de Mesía uns 50 de Vigo e unha trintena dos anfitrións de Santa Comba. Os encontros comezarán a partir das 11 da mañá e alongaranse ata aproximadamente as 13:30 horas.
Con posterioridade tódalas delegacións cachiboleiras de Galicia compartirán un xantar conxunto nus espazo moi especial. No recinto feiral de Santa Comba celébrase a 2ª festa do Magosto, e nese evento terán un espazo para repoñer forzas os xogadores, xunto cun amplio número de veciños, compartido comida, baile, festa e incluso programa televisivo “Aquí Galicia”, da TVG.
Fonte