Un dumbriés faise co primeiro campano da Ponte do Porto no primeiro día de pesca

Carlos Vieites coa primeira peza da tempada na Ponte do Porto

O ano pasado houbo que esperar á segunda xornada para tocar a campá de bronce que anuncia o trofeo. Pero neste curso o primeiro reo saltou cediño.

Desde fai cinco anos na Ponte do Porto outórgase un trofeo ao pescador que captura o primeiro reo de marea da tempada piscícola que se abriu este domingo primeiro de maio. Desta volta o campano porteño do río Grande do Porto foi tempranero e saíu ao mediodía, da cana de Carlos Vieites González, de Bustelo (Dumbría). Vieites recolleu o seu segundo trofeo, unha cunca de caldo de riola de barro de Buño, entregada polo colectivo ecoloxista PX. Vieites é membro da asociación de pesca deportiva Neria, con sé en Vimianzo.

O propio Vieites explica como está a cousa: “hai moito reo pero pequeno, que non dá a talla, eu collín cinco e tiven que ceibalos, un andaba rozando a talla legal”. Na Ponte do Porto a campaña empeza un mes despois que no resto da comarca pola presenza de salmónidos, sendo a estrela o reo de marea. Nesta primeira xornada saíron troitas de bo tamaño e avistáronse moitos reos pero é cara ao verán cando o tamaño crece e entran máis exemplares de talla. Outro problema este ano segundo indican mariñeiros e ecoloxistas é que debido ás fortes riadas moitos reos que entraron do mar xa remontaron en semanas pasadas a canle e áchanse augas arriba, na zona de Pasarela e ata en Baio. A presenza de garzas e cormoranes indica a existencia destes grupos de peces. Precisamente a subida do mar a Ponte do Porto da especie marca a maior cantidade destas aves no coto do interior da ría de Camariñas.

O campano que pescou Vieites medía 41 centímetros e pesaba 900 gramos. Foi capturado con mosca, xa que a miñoca está prohibida no coto de Ponte do Porto. Segundo indican desde o colectivo PX a prohibición de pescar con miñoca vén dada pola gran cantidade de peixes mortos que non daban a talla e atopábanse en anos pasados nas ribeiras, xa que os pescadores ao retirar o anzó e a lombriz causaban a morte dos exemplares non válidos. Esta práctica era generalmente usada por varios mariñeiros casteláns que se achegaban ao coto porteño.

Novas relacionadas

Fonte

  • Colectivo PX.