"O Eco do Ézaro" enche de luz e música a fervenza
Esta fin de semana, cun cheo total, a Fervenza do Ézaro estreou un innovador espectáculo nocturno de luz, son e narración visual: “O Eco do Ézaro”, unha experiencia inmersiva que une patrimonio natural, tecnoloxía e mitoloxía galega.
Durante os meses de xullo, agosto e setembro, o público poderá gozar deste evento gratuíto que transforma a fervenza nun escenario vivo, onde a lenda e a paisaxe se funden para dar vida a unha historia ancestral.
“O Eco do Ézaro” é unha viaxe simbólica e sensorial que parte das raíces culturais de Galicia e dialoga co presente a través da arte dixital. A historia toma como fío condutor a figura da Raíña Lupa, un personaxe da mitoloxía galaica asociada ao Camiño de Santiago e ao antigo “Fin do Mundo” atlántico.
Ao longo das escenas animadas, a narrativa explora a transformación desta figura lendaria: desde a súa posición como gardiá misteriosa e desafiante ata a súa redención e alianza cos primeiros peregrinos. A través de luces láser, proxeccións sobre a auga, efectos sonoros e música orixinal, o espectáculo recrea episodios como o nacemento da fervenza, a proba dos camiñantes, o encontro do pagán e o sagrado, ou o renacemento da harmonía ao pé do océano.
A caída do río Xallas na Fervenza do Ézaro, única en Europa por desembocar directamente no mar con este caudal de maneira ininterrompida, convértese nun lenzo máxico onde o público é testemuña dun rito contemporáneo que resoa coa tradicións da espiritualidade, a natureza e a identidade galega.
Estas son as datas nas que se pode observar o espectáculo:
- Xullo: 5, 11, 12, 18, 19, 24, 25, 26
- Agosto: 1, 2, 8, 9, 14, 15, 16, 22, 23, 29, 30
- Setembro: 5, 6, 12, 13, 19, 20
- Horario: de 22:30h a 00:30h
Cada pase dura 15 minutos e repítese en bucle durante unha hora, con narración en tresidiomas (galego, castelán e inglés), para facilitar a súa accesibilidade ao público. O acceso é gratuíto.