A mámoa fantasma de Fisterra

Terreos de labradío en Denle Fisterra onde Patrimonio ten catalogado un tumulto fantasma Ter un vestixio arqueolóxico na túa finca e non sabelo debe ser un asunto complicado. Pero que Concello e Patrimonio consideren que tes unha mámoa nunha das túas terras de labradío, e que en 30 anos de traballo non atopases nin unha pedra de 30 cm, se cadra é aínda peor. Así lle acontece á familia do fisterrán Juanfran Martínez, que ve como a inminente aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Fisterra pode deixar 40.000 m2 de terreos (do seu avó e de varios veciños) baixo unha estrita protección pola suposta presencia dun tumulto do Neolótico-Idade de Bronce. Leva dende 2002, intentando demostrar que no lugar que indica Patrimonio e que recolle o PXOM non hai absolutamente nada, pero parece imposible convencer a dúas administracións que se botan as responsabilidades unha á outra. “Non hai estudos de nada e parécenos incrible que aseguren iso”, explica Juanfran, despois de que dende Patrimonio lle dixeran que teñen o ben catalogado por un informe da administración local, mentres que dende o Concello lle teñen asegurado, mesmo por escrito, que “non existe ningún expediente que avale a existencia do mesmo”. Sen embargo, a redacción do PXOM, asinado por José Ramón Lema en abril deste 2018, recoñece a presencia deste túmulo cun nivel de protección de grado III, recoñecendo, iso si, que “non puideron observar directamente o xacemento, pero que segundo a información existente trataríase dun tumulto practicamente arrasado polos traballos agrícolas, con 14metros de diámetro, e 0,5m de altura, sen restos de estruturas pétreas”. Agora, a familia ten que gastar 2.000 no equipo de arqueólogos, que virán a vindeira semana, para corroborar a súa tese, que na zona non hai vestixio ningún. “Debería facelo o Concello, pero temos que facelo nós porque na última reclamación Patrimonio nos dixeron que tardaría 3-4 meses para estudiar o caso e daquela igual xa está aprobado o PXOM”, moi avanzado e podería ser sacado adiante antes de que remate o ano despois de 17 anos de trámites.  

Novas relacionadas

https://quepasanacosta.gal/o-pxom-de-fisterra-poderia-estar-listo-no-veran-17-anos-despois/