Fisterra loita contra as especies invasoras

Fermoso e necesario o proxecto que en marcha esta ponte o Concello de Fisterra. Durante este luns e mércores desenvolveranse actuacións para preservar e mellorar os hábitats e a paisaxe rural litoral coa importantísima implicación da poboación de Fisterra, nos entornos das praias de Mar de Fóra, Arnela e Rostro.

Serán os voluntarios, sobre todo de centros de ensino os que participen nestes traballos de recuperación da flora autóctona en espazos dunares. Así vanse abrir zonas como microrreservas de flora, que pretenden ser un modelo pioneiro para futuros proxectos no ámbito litoral da Rede Natura 2000 na Galicia costeira.

Cando?

A iniciativa desenvolverase entre decembro de 2016 e xuño de 2017. Entre as primeiras actuacións, destacamos dúas Xornadas de voluntariado Ambiental, a desenvolver os dias luns 5 e mércores 7 de Decembro, centradas na eliminación de Especies Exóticas Invasoras e na restauración e revexetación das microrreservas, respectivamente. A primeira aberta ao público xeral e a segunda destinada a un público máis técnico con coñecementos botánicos.

Como?

Os traballos inclúen o balizado e delimitación sempre permeable e estético, das microrreservas, a instalación de sinaléctica informativa, o plantado de sebes vivas en zonas lindeiras con camiños rurais, a mellora do medio abiótico sobre o que se sitúan os hábitats (p.e., corrección de perfis dunares con Ammophila arenaria de procedencia local), a mellora das condicións bióticas mediante eliminación de especies alóctonas invasoras ou o potenciado da presenza de especies prioritarias, ameazadas ou de interese, así como dos seus hábitats, con recollida de semente e replantado, restaurando comunidades altamente biodiversas.
Nun caso particular (Mar de Fóra), ensáiase a reintrodución desde núcleos fisterráns próximos de plántulas da especie ameazada Alyssum gallaecicum, espazo de onde se extinguíu nas últimas décadas. En todas estas actuaccións o papel da poboación local será fundamental, implicándoos na preservación e coñecemento dos valores da rede natura 2000 das súas parroquias, coa posibilidade de participar na mellora dos hábitats, na eliminación de invasoras, nas experiencias de identificación e catalogación de especies e hábitats (bioblitzs) e nas valoracións e adecuacións dos roteiros ambientais que se proporán para ligar entre sí as diversas microrreservas. Ao involucar á poboación local nas actividades de voluntariado ambiental a desenvolver está a fomentarse a conservación do lugar facendo partícipes do mesmo aos usuarios máis vencellados ao territorio.

Quen financia?

O proxecto chega cunha axuda de 20.000€ da Dirección Xeral de Conservación da Natureza cofinanciada co FEADER no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) 2014-2020, centrada na creación dunha rede de microreservas de Flora ZEC Costa da Morte. Ademais, participan directamente a asociación Ecoloxista ADEGA, e o Voluntariado ambiental, da man dos membros do Grupo de Investigación da Universidade de Santiago de Compostela BCPV (GI-1291) “Biodiversidade e Conservación de Plantas Vasculares” liderado polo dr. Santiago Ortiz.

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).