Kuka Sar: “Pola defensa dunha Costa da Morte cunha pesca sustentable”
Aquí traemos o artigo de opinión que nos envía Xoan Carlos “Kuka” Sar Oliveira, candidato do BNG á alcaldía de Fisterra, sobre a necesidade da pesca sustentable na Costa da Morte, un asunto do que o seu grupo xa ten falado en numerables ocasións, e que coincide ademais cas Xornadas reivindicativas que se están a desenvolver en Corcubión esta fin de semana.
Tribuna de Opinión: “Pola defensa dunha Costa da Morte cunha pesca sustentable”
Son xente de mar, e entre a xente de mar entendémonos, non precisamos de palabras cando a cousa require importancia. Todo é un proceso, bauticeime n´O Canto, cerca das 12 millas do Cabo Fisterra, no Barquita. Mar de Fisterra, co que iso significa¡ Fun neno Gransoleiro e home cando regresei. Buff…, o Gran Sol, moito anos, con tan poucos¡ No Banco Sahariano, na baixura da plataforma continental galega. Vida mariñeira, vida de Fisterrán, en moitos barcos: “Cita en la mar, Barquita, Melanie, Babino, Siempre Baluarte…”
Hoxe son peixeiro, e ben sei canto vale o peixe. O peixe debería custar en función do que vale sacalo. Non todo é igual. Hoxe arríbase todo nos grandes portos, as pequenas lonxas mingúan. Preténdese vender peixe sen significado. Non é que falte conciencia, falta explicalo. Falta que se entenda a diferenza sobre a súa procedencia. Explicar que no mundo da pesca hai dous modos de extracción: a responsable e a destrutiva. Impera a segunda, que asfixia o modo de poder facela primeira. Pero eu son fiel a lonxa de Fisterra, hoxe prefiro vender peixe en fresco e con ética. Primeiro por respecto aos meus paisanos que resisten no mar. Pois hoxe, trátase de resistir, as cousas non lles van ben. Segundo, por deixar futuro, hoxe xa non vale esquilmar. E terceiro, por que un non pode pasar tantos anos aprendendo no mar, e conformarse finalmente por vender un peixe arrebatado de calquera maneira.
Teño a miña visión do compromiso “por facer País” do noso pequeno País. Sempre digo que a nosa terra galega ten o seu inicio na punta do mar de Fisterra. Exercer de Fisterrán é a miña mellor contribución de galeguidade. Na primeira vez do Gran Sol, partín dun porto pesqueiro forte, respectable. Hoxe avanzamos cara a decadencia do que xa é unha humilde flota. Como é posible que se nos estea indo das mans? Sorpréndeme que non haxa reacción dende os nosos gobernantes. Tan difícil é preguntar ou escoitar as xentes do mar.
Estou convencido que este mar ten futuro, pero para iso necesítase unha drástica viraxe. Novas formas de facer política do mar. Eu por esas estou! Compromiso firme e determinación para facer fronte aos gobernantes que afogan ao mar. O mar agora funciona coma unha filial industrial na que hai ricos e pobres. Uns poucos collen o de moitos; e moitos teñen que repartirse o resto. O sistema de capturas fica descompensado.
Voces mariñeiras da Costa da Morte berran por un cambio de modelo. Defenden a súa singularidade, a súa pesca das artes menores, a súa prioridade, e argumentos manexan dabondo. Coma Fisterrán non podo ser indiferente, coma nacionalista tampouco. Comparto as súas reivindicacións. A pesca da Costa da Morte, non pode verse arrastrada por artes que, por exceso, condicionan o futuro de todos. Hai que poñerlle límites xa. Para que haxa futuro na convivencia entre as distintas artes é preciso establecer condicionantes extras a aquelas que teñen un impacto que afecta considerablemente ao resto. Enténdase o arrastre como a principal delas. Defendo que a prioridade debe vir marcada pola protección indiscutible das artes menores e de aproveitar as súas potencialidades: pola demostrada calidade pesqueira; polo súa condición na sostibilidade do recurso cando hai responsabilidade; e na súa capacidade diferenciada de xerar emprego e distribuír maiores beneficios na poboación local.
Non se trata de contrapoñer pesca artesanal fronte ao arrastre, pero si de favorecer trato de igualdade, e co arrastre compre poñer outros límites para evitar que na práctica teñan licenza para labrar os fondos a súas anchas. A súa regulación pasa por establecer áreas nas que debe ser reducida a súa presenza, no espazo e no tempo, cando exista unha predominancia local de artes menores. Tal e como pasa na Costa da Morte. Nas protestas que estamos a escoitar dende o sector as reivindicacións son claras: “erradicación inmediata do arrastre en parella; separación nas augas da Costa da Morte ata as 12 millas do arrastre das vacas; e un reparto de cuotas equitativo por número de tripulantes que emprega cada embarcación”.
Como mariñeiro, peixeiro e político comparto esta reivindicación. Teñen todo o meu apoio. Non podería ir a lonxa de Fisterra a sabendas de que hai 77 embarcacións ao que os excesos réstanlle oportunidades. Por amosar a condición pesqueira que caracteriza a Costa da Morte cito que temos 371 embarcacións de artes menores, 24 cerqueiros, 13 volantas, 12 palangreiros de fondo, 1 palangreiro de superficie, e 3 arrastreiros. Esta é a realidade da estrutura pesqueira da nosa comarca, que sen embargo ve chegar máis dunha ducia de arrastreiros. Para que a pesca artesanal da Costa da Morte teña futuro, eu non teño dúbida, súmome as confrarías e persoas que reivindican outra maneira de pescar, agardando que cada vez sexan máis, decididas e valentes a protestar fronte os excesos da considerada pesca industrial.
Que medre o mar!.
- Kuka Sar Oliveira, candidato do BNG á alcaldía de Fisterra.
Novas relacionadas
- A pesca artesanal arma unhas Xornadas reivindicativas polo futuro do mar.
- 01-12-14: Apoio multicolor á pesca de baixura.
- 28-11-14: O BNG pide compromiso aos Concellos coa loita da pesca artesanal.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).