Libros que esmorecen pola deixadez
Dá moita pena ver apodentrar libros. Así o entendeu o novo grupo de goberno do Concello de Fisterra ao atopar unha manchea de libros, que foran depositados do que foi a biblioteca fisterrá, esmorecidos nun edificio municipal, unha vez que a biblioteca foi ocupado polo actual salón de plenos do Concello. Un grupo de goberno que critica que “o anterior goberno actuou cun manifesto desleixo e grande irresponsabilidade”, ao esquecer esta riqueza patrimonial, que podería chegar a uns 15.000 libros.
Pero toca intentar salvalos, polo que a Concellería de Cultura convoca ás asociacións e á veciñanza á participar nun traballo de voluntariado para rescatar os fondos documentais.
Toca falar con expertos en arquivística e documentación de bibliotecas para proceder á recuperación de moitos dos libros moi danados pola humidade. E terase que refacer un novo inventario ao desaparecer as fichas dos libros.
Nova Biblioteca?
Dende a Concellería de Cultura existía a intención de reabrir a biblioteca provisionalmente, pois Fisterra, segue a ser unha das poucas vilas galegas sen Biblioteca Pública. Queríanse recuperar aqueles case 2.500 carnés de usuarios e un fondo importante de libros.
Pero a situación cambia, e toca remar para salvar o arquivo, polo que hoxe mércores as 20.30 convócase no Concello a unha xuntanza cos axentes culturais e asociativos de Fisterra e interesados en xeral, para contar con voluntariado que se poña baixo a dirección de expertos para acometer rapidamente a labor de recuperación dos libros danados.
Novas relacionadas
Fonte
- Nota de prensa da Concellería de Cultura de Fisterra.