Unha queixa veciñal sobre o tráfico e os vados en Fisterra
Chéganos hoxe unha queixa veciñal sobre o tráfico na vila de Fisterra. Non é que os problemas sexan semellantes aos dunha gran cidade como Madrid ou Barcelona, pero hai que xa está “canso da sitación caótica do tráfico no noso pobo”. Así o asegura un veciño que espera que “este tempo de eleccións sirva para que se faga algo ao respecto”.
E fálanos concretamente do asunto dos vados. “A xente dase de baixa dos vados porque a pesar de que os prezos subiron ata os 140€, se che aparcan diante non tes nada que facer máis que ir buscar o dono ao bar de turno”, asegura. I é que “se chamas aos municipais dinche de quen é o coche e axúdanche a buscalo, porque a día de hoxe multar de pouco serve se despois chegan ao Concello e llelas quitan para non perder un voto”, lamenta o veciño.
Unha realidade que segundo nos conta a Policía Local de Fisterra xa hai varios anos que non sucede. “Hai anos pasaba eso, porque as multas as tramitaba o Concello, pero xa hai 6 ou 7 anos que as tramita directamente a Deputación, sen pasar polo Concello. Ademais, cada multa leva un número de boletín, e aí non hai escapatoria, polo que podemos asegurar que no Concello non se quita xa ningunha multa”, explican dende a Policía Local fisterrá.
Si que recoñecen que co asunto dos vados hai moita picaresca, para un lado e para outros. “Os que infrinxen os vados soen ser os veciños, porque alguén de fóra non se atreve. O que pasa é que hai algún que outro vado ilegal, uns comprados no “todoacien”, e outros de xente que se deu de baixa pero segue tendo o vado posto. A eses tamén os multamos, como aos vehículos que vemos que están mal aparcados, múltase e punto. Iso si, se sabemos de quen é o coche, intentamos atopalo antes de multar”, sinalan.
Entre 100 e 150 multas ao ano
Coméntannos da Policía Local que tramitan entre 100 e 150 denuncias de tráfico ao ano. “Mesmo a Deputación logrou cobrar unha multa posta no faro dun italiano, que se puido localizar, se mandou alá e se acabou cobrando”, apuntan.
Zonas de moito tránsito
Apunta o veciño que a situacion é critica na zona do “Kiosco, onde a veces o bus ten que parar na metade da estrada porque hai coches na zona reservada. E cando coincide cos camións de reparto ás veces tardas 10 minutos o que leva 15 segundos”.
Indica tamén “a rúa Real é outro caos. A pesar de que hai in sinal ben grande de Prohibido estacionar, alí paran moitos coches. Ata os responsable dos establecimentos da rúa puxeron un bidón diante da súa porta pola seguridade dos seus cluentes xa que os coches teñen que ir rozando case as casas para evitar aos que están aparcados”, apunta o veciño. “Pasa algo semellante no colexio do cura”, explica, onde a pesar de estar prohibida a circulación na entrada e saída dos nenos, hai moitos coches que seguen pasando poñendo en riso aos propios cativos”.
O veciño recoñece que a razón habitual soe ser o “non pasa nada…” “Pero… ata que pase”, reflexiona.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).