A historia Real do nome da Praia de Traba
Tráennos de feito a “historia real” do nome de Traba, afundindo naquela, unha das familias nobres máis poderosas da Alta Idade Media. Comezando polo primeiro membro ben documentado, Froila Vermúdez, rexedor de boa parte dos territorioes do noroeste do país. O primeiro Conde de Traba, e tamén primeiro Conde de Galiza, foi o seu fillo, Pedro Froilaz.
Disque o nome da dinastía foi tomado dunha fortaleza da que ainda se descoñece a ubicación exacta, pero da que o investigador Paulo Martínez Lema no seu traballo sobre a toponimia de Gerbantiños de 2009, sinala que deberia estar situado na parroquia de Santiago de Traba, en Laxe.
Martínez Lema cre que a orixe do topónimo “Traba” vén do latino “tabula”, táboa en galego referida tamén a anaco de terra de forma cadrada, coincidindo así coa planicie a nivel do mar que representa a zona.
Unha zona, que aproveitan para reivindicar, coa rica lagoa de Traba, “baixo a cal, segundo a lenda, repousa a cidade pantasma de Valverde, que fora asolagada polo apóstolo Santiago, embravecido polo pouco éxito da súa misión naquel lugar. Tampouco se entende que o pescador galileo agarrase tal anoxo, xa que no val de Traba se ergue unha igrexa románica que ten na súa fachada barroca a imaxe do santo, amais das figuras de Adán, Eva, San Pedro e San Francisco. Con independencia do fervor relixioso de cadaquén, paga a pena visitala polo seu valor monumental e as vistas do val desde o adro”.
Rodeando o terreo chairo está a Torre da Moa, que acolle un castro onde se atoparon restos de cerámica romana e medieva. E tamén lembran a posible historia da Capela dos Mouros nos baixos do mesmo monte da torre da moa.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).
- Portal das Palabras.